O voceiro socialista na Deputación, Ignacio Gómez, considera que o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, intentou ocultar “un novo escándalo”, tramitando, no mes de agosto e sen pasar nin por Comisión Informativa nin ningún outro órgano, o contrato para a xestión electrónica nesta entidade e nos 91 concellos da provincia.
Segundo Gómez trátase do maior contrato da lexislatura, por importe de máis de cinco millóns de euros. E denuncia que “esta decisión importante non foi tratada en ningún órgano oficial de Deputación, foi xestionada directamente polo seu presidente, no mes de agosto”. Polo que o califica como “unha nova operación económica secreta con tintes de escándalo”.
Este contrato condicionará a xestión dos concellos da provincia que lle darán a decisión tomada, inclúe a subministración e implantación dun sistema de xestión electrónica, o mantemento e soporte técnico,subministración do software, licenzas, asistencia técnica e mantemento durante varios anos.
Por iso, resulta curioso, para o voceiro socialista, que “non figurara na orde do día das comisións informativas que se celebran estes días nin nos meses anteriores nin sequera para informar ós grupos políticos”, reclama.
E insiste que na falta de transparencia que sofre esta institución, “que na presente lexislatura do goberno do Partido Popular volve os peores tempos máis escuros”.