O teatro ocupa a grella da programación para esta fin de semana no Auditorio de Ourense. Se esta noite acolle a estrea de «Normas para saber vivir na sociedade actual», a última obra da compañía Sarabela -premio da Cultura Galega 2016-, o sábado e o domingo haberá pases ás 20:30 horas. A peza está escrita por Jean-Luc Lagarce, autor contemporáneo máis representado en Francia, dirixida por Ánxeles Cuña e interpretada por Fina Calleja, Sabela Gago, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Vadzim Yukhnevich. Trátase duna sátira social: Divertimento irónico e crítica feroz a unha sociedade que, coas súas normas e hipocrisía, escapa dos sentimentos humanos. As entradas teñen un prezo de 6 euros.
Entre acto e acto de Sarabela, o Auditorio acollerá tamén unha obra de teatro infantil na clásica cita dos domingos ás 12:00 horas. «Lobo bobo», de Elefante elegante, é unha posta en escena de monicreques na que se lle dá a volta a todos os contos infantís: o lobo de Carrapuchiña vermella é vexetariano, a madrasta de Brancaneve convértese nun dos tres porquiños cada vez que se mira no espello… Unha oportunidade para comprobar a infinita capacidade de asombro dos máis pequenos (obra recomendada para maiores de 3 anos).
As entradas pódense adquirir en ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na sé de Afundación e na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función.
Live for Madness
Alén da escena, a programación culturtal da fin de semana vén cargada de música. O Live for Madness Metal Fest celebra o sábado no Campo da Feira a súa sexta edición mantendo intacto o espírito do heavy metal. Bandas como Rise to Fall, Legacy of Brutality, Aphonic ou Thirteen Bleed Promise subirán os decibelios dunha velada que tamén será de carácter solidario, xa que un ano máis mantense a colaboración co Banco de Alimentos. As portas abriranse ás 18:30 horas, unha hora antes do inicio das actuacións.
A maiores, a oferta expositiva municipal: última oportunidade para contemplar «A Musa da Paz», obra colectiva de 24 autores, no Auditorio Municipal, e a obrigada visita á triloxía de «Prego,100 anos», con mostras en Afundación, sala Valente e Museo Municipal.