Aunar a poesía cunha das festas máis tradicionais, os magostos, é o sentido de Poemagosto, Festival da Poesía en Allariz, cuxa terceira edición terá lugar o sábado 8 de outubro.
O patio cuberto do Museo do Coiro acollerá as actividades programadas polo Concello de Allariz e máis a Fundación Vicente Risco, entre as que hai un mercado de arte, artesanía, produtos locais e libros, animación infantil, concertos e, coma non, recitais de poesía.
A programación do Poemagosto dá inicio ás 11 da mañá coa animación para nenos e adultos de Cé Orquestra Pantasma polas rúas da vila alaricana ata o Museo do Coiro. De seguido, haberá unha contada infantil de “Marta e a Píntega” coa súa autora, Eli Ríos. Ás 13 horas Anxo Angueira recita a Rosalía de Castro a partir da súa recente edición comentada de «Follas Novas», e ás 13:30 horas haberá unha mostra de cantos ao desafío con cantadores da localidade lusa de Montealegre e un concurso de regueifeiros afeccionados.
A sede da Fundación Vicente Risco acollerá o xantar do Poemagosto ás 14:30 horas, cuxo prezo-doazón é de 10 euros.
Xa pola tarde, a partir das 17:30 horas terá lugar o acto central do Poemagosto, un recital de poesía a cargo de Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Iolanda Zúñiga, Carlos Rafael, Celia Parra Díaz, Lois Antón, Arancha Nogueira, Nuria Vil, e Alba Cid.
Os concertos de Leo i Arremecághona e Mercedes Peón e banda, a partir das 20:30 horas na carpa instalada na zona exterior do Festival Internacional de Xardíns porán o colofón a esta xornada. As entradas ao concerto oscilan entre os 15 euros en taquilla e os 11 en anticipada para maiores de 14 anos, os 5 euros para cativos de 6 a 14 anos, e será gratuíta para os menores de 5 anos.