Outono e teatro son sinónimos en Ourense. Nunha semana dá comezo a 9ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que entre o 7 e o 19 de outubro reunirá na capital ourensá a 12 compañías de teatro galegas, españolas e internacionais.
O 9º FITO foi presentado este martes pola súa directora, Ánxeles Cuña, de Sarabela Teatro, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
Nas súas intervencións Rosendo Fernández destacou que o FITO é “unha oportunidade” tanto para compañías que empezan como para as que xa están consolidadas, Jacobo Sutil salientou o feito diferencial de incluír por segundo ano un encontro sobre o papel das mulleres nas artes escénicas e Jesús Vázquez apunto que o festival “cada ano vai a máis e atrae a máis xente de fóra”.
Atractivos nesta edición non faltan, como a presenza do actor José Sacristán na obra “Muñeca de porcelana” a partir dun texto de David Mamet de Bravo Teatro, e que “está enchendo todos os escenarios”, apuntaba Ánxeles Cuña, na que será o seu último FITO como directora antes dun parón de catro anos para dedicarse en exclusiva ao seu traballo de deputada.
Na programación tamén se inclúen compañías con premios nacionais de teatro, como Chévere, que presenta “Fillas bravas” e Atalaya, que coproduce a obra de Lorca “Así que pasen cinco años.
Tamén haberá presenza interncional, coa danesa Granhoj Dans , que regresa por terceira vez ao FITO, os chilenos La Llave Maestra e os mexicanos Lagartijas Tiradas al Sol, “cunha visión que non vai deixar indiferente a ninguén sobre a democracia en México”, salientaba a directora do FITO.
E compañías galegas moi premiadas e apreciadas como Matarile Teatro, que celebra o seu trinta aniversario, unha proposta de circo con Rolabola, no parque Barbaña, e outras novas e prometedoras, como A Panadaría.
Os cataláns Companyia Pelmànec, cunha nova versión de “El avaro”, Los Hedonistas “cun traballlo de investigación profundo e rigoroso” en “Cena de pájaros”, e o “laboratorio creador” de Chévere, a Berberecheira, completan a proposta teatral.
O prezo das entradas é de 8 euros para aqueles espectáculos que se representen no Auditorio Municipal e Teatro Principal (con descontos para estudatnes, xubilados e parados) e de 3 euros para os que se realicen no Campus de Ourense.
O certame conta este ano cun orzamento de 75.000 euros, achegados entre Agadic (27.000 euros), Concello de Ourense (25.000 euros), Deputación Provincial (20.000 euros) e Universidade de Vigo (3.000). Son menos fondos que en anteriores edicións pero, segundo a súa directora, feito “coa mesma vontade, a mesma calidade e os mesmos esforzos”.