Sustinea acolle esta semana en Ourense ao Intercambio Xuvenil Europeo Eco-lóxico, financiado polo Erasmus+, no que participan 30 mozas e mozos de Italia, Francia e Galicia. As actividades programadas teñen carácter ambiental, social e cívico. Un dos propósitos desta experiencia é fomentar unha xuventude pro-activa e comprometida co medioambiente. Por isto únense á cita do último xoves de cada mes que organiza a Masa Crítica co obxectivo de dar a coñecer as grandes vantaxes que achegan á mobilidade, á sociedade e ao individuo, unha maior presenza das bicicletas.
Nesta ocasión para dar máis visibilidade ao evento, estas 30 persoas europeas convidan a que se achegue o maior número de persoas para participar no deseño dunha gran bicicleta que debuxarán a partir das 19:30 horas na Praza Maior empregando os seus corpos. Acto seguido, darán un paseo en bicicleta polas rúas da cidade de Ourense, sumándose á cita mensual do colectivo da Masa Crítica.