A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá este venres no Auditorio de Ourense un concerto cunha selección de 11 bandas sonoras do cine español. A cita enmárcase na “Semana das Músicas do Audiovisual”, organizada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Fundación SGAE e a propia orquestra, e que se ven celebrando estes días nas cidades de A Coruña, Ferrol, Santiago e Ourense.
O concerto e a masterclass que completan a programación que se realizará na nosa cidade foron presentados este mércores polo presidente da AGA, Carlos Ares, o director da Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fasero, o representante dos autores na SGAE, Juan Rivas, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e o director musical da Semana, Nani García, quen explicaba a intención este evento de “focalizar a atención nos creadores de música para o audiovisual” e o seu desexo de que se poida repetir en vindeiros anos.
Os compositores Fernando Velázquez, autor das bandas sonoras das películas de Juan Antonio Bayona, e Manu Riveiro, creador da música do filme “O Descoñecido”, serán os encargados de impartir a masterclass que se desenvolverá este venres, a partir das 16.30 horas, na sala Azul do Auditorio. A cita está aberta a académicos e público en xeral, que deben inscribirse na web www.academiagalegadoaudiovisual.com.
Xa ás 20 horas, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Rubén Gimeno, interpretará obras de 11 compositores de todo o Estado, entre eles catro galegos: Manu Riveiro, Sergio Moure, Nani García e Zeltia Montes. Haberá pezas, entre outras, dos filmes Capitán Trueno, O Apóstolo, El laberinto del fauno, Palmeras en la nieve ou Zipi y Zape. As entradas están á venda ao prezo de 10 euros.
A edil de Cultura, Belén Iglesias, animou aos espectadores ourensáns a gozar dunha “velada inesquecible” que aúna música e cine.