Pedro Montero, portavoz do BNG de Riós, acaba de percorrer o seu concello para ver o estado dos 35 núcleos de poboación que o conforman. A súa preocupación céntrase especialmente no estado do firme da estrada que une O Mourisco con Veiga do Seixo. A altura do Regueiral do Porto Espiño pódese observar un enorme furado que se produciu durante o pasado inverno. Dado o perigo que leva consigo circular por esta estrada, os veciños informaron ao alcalde, Francisco Armando Veiga, para que o sinalizase e o arranxase. Sinala o voceiro do Bloque que ante á inacción do rexedor, a veciñanza optou por sinalizar ela mesma o furado.
Segundo Montero, antes das eleccións autonómicas e para o grupo de goberno levou a cabo varios arranxos en lugares «que realmente non eran tan prioritarios nin tiñan tanto perigo». Durante a visita do alcalde durante a campaña á Veiga do Seixo prometeulles aos veciños o arranxo inmediato pero pasadas as datas seguen igual, denuncia o político nacionalista. Outra das problemáticas asociadas é a chegada do inverno e a crecida do Regueiral do Porto Espiño podendo producirse así estragos na propia estrada.
O voceiro do BNG en Riós insta ao Concello a levar a cabo os traballos de reparación o antes posible para o ben dos veciños.