O Festival de Cine Internacional de Ourense contará nesta edición, que se celebra entre o 28 de outubro e o 5 de novembro, cun nutrido grupo de representantes galegos pertencentes a diversas disciplinas, tanto na súa Sección Oficial como nas paralelas.
Na Competición Iberoamericana da Sección Oficial do 21 OUFF, o ourensán José Manuel Mouriño achegaralle ao público «Manuel Vilariño. Ser luz», un documental ensaístico que propón una aproximación en imaxes á obra e ao universo argumental do fotógrafo e poeta coruñés Manuel Vilariño. No filme ten ademais unha presenza importante a figura e voz do poeta ourensano José Ángel Valente, de profunda influlenza no traballo de Vilariño.
O pontevedrés Manuel Fernández-Valdés competirá na mesma categoría co filme documental «Angélica [una tragedia]». O filme retrata a axitada relación entre a creación e a vida que xira en torno á figura de Angélica Liddell durante o proceso de preparación dunha obra da artista.
Seccións paralelas
Nas diferentes seccións paralelas desta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, o público poderá atopar as pezas «Jeanette», de Xurxo Chirro; «Sin dios ni Santa María» e «Montañas ardientes que vomitan fuego», ambas de Samuel M. Delgado e Helena Girón; «Verengo», de Víctor Hugo Seoane; «Share o No Share», de Juan Hervella Rego; «El pozo», de Héctor Domínguez-Viguera; «O Rebelde», de Óscar Doviso; «Visións», de Xisela Franco e Beli Martínez e unha escolma de curtametraxes programadas en colaboración co festival Curtocircuito. Deste xeito, o OUFF inicia un proceso de colaboración con outros certames que a organización espera que sexa extensible a outros festivais do país.
Ademais, dentro do marco do Festival, terá lugar a primeira presentación oficial do libro-dvd do filme «Pelerinaxes» de Simone Saibene, editado pola Editorial Galaxia, e poderase coñecer o estado de varios proxectos en distinto estado de desenvolvemento como We the media, de Héctor Carré; Nación de Muchachos, de Mad Mex Filmanova e Javi Camino e Esquece Monelos, a opera prima de Ángeles Huerta.