Da noite do venres 7 de outubro a mediodía do domingo 9, o Náutico de Castrelo de Miño acolle unha nova edición de AstroGalicia, un econtro de astrónomos afeccionados aberto a toda a poboación, que inclúe actividades didácticas, obradoiros e moitas sorpresas.
Nesta ocasión haberá charlas didácticas a cargo de José María Madiedo da Universidade de Huelva e AstroHita (que explicará a perigosidade destes obxectos e os diferentes proxectos internacionais para a súa observación e detección), Ana Ulla, astrónoma da Universidade de Vigo (que achegará aos participantes á misión espacial da ESA Gaia, detallando os últimos resultados do especial que vén de presentar hai uns días o maior mapa da Vía Láctea obtido ata o de agora pola humanidade) e persoal do Centro de AstroBioloxía (que falarán dos proxectos punteiros deste laboratorio da NASA).
Así mesmo, haberá observacións astronómicas públicas: diúrnas coa observación do Sol con telescopios específicos en H-alfa; e nocturnas da Lúa, Saturno, Marte e diversos obxectos de espazo profundo. Así como, actividades con experimentos divulgativos, como simulación de cráteres lunares; obradoiros de iniciación á astronomía e de perfeccionamento; e unha homenaxe á misión Rosetta e Philae que terá o seu remate neses días.
O evento está coordinado por X. Dositeo Veiga, licenciado en Física, tradutor ao galego da páxina da NASA Astronomical Picture Of the Day (www.apodgalego.com) e redactor da sección de Últimas noticias da revista AstronomíA Magazine.
Todas as actividades agás (os obradoiros) son de balde e abertas a toda a poboación. Para participar nos obradoiros haberá que inscribirse previamente, estando toda a información dispoñible na web de www.nauticocastrelo.com no apartado de «eventos».
Como atractivo adicional, a cea do sábado pola noite terá un contido marcadamente astronómico con platos temáticos relacionados coa astronomía e o espazo.