Este 1 de outubro comeza un novo curso na Asociación Rebulir, que coa colaboración do Concello de Ramirás, ten preparado un amplo abano de actividades, entre as que se atopan o Festival Internacional Rebulir que terá lugar no mes de decembro, ou a Noite de Fiadeiro que se celebra chegada a primavera.
As principais novidades deste curso 2016/2017 son o aumento de profesorado (agora seis persoas impartirán disciplinas de baile tradicional, gaita, percusión, canto e pandeireta); a creación dun novo grupo de pandereteiros, que xurde da demanda dos propios socios; e a dun grupo de etnografía, coordinado por expertos na materia, e que se adicará a recompilar, clasificar e divulgar diferente material con importancia histórica e cultural.
Dende Rebulir, agardan así seguir medrando a nivel artístico, como grupo de baile e música tradicional; “pero tamén como asociación de persoas que traballan con obxectivos comúns e onde a finalidade última é facer da cultura tradicional unha actividade de lecer de calidade”, explican.
Os interesados en informarse sobre as actividades poden consultar a web www.rebulir.com ou chamar ao 639908005.