A sala José Ángel Valente acolle desde o 30 de setembro a exposición ‘Prego de Oliver e a captación do eterno. O óleo como materialización da súa plástica’, a terceira das mostras que conforman o proxecto expositivo do centenario do artista ourensán, un dos referentes da plástica galega do século XX.
“As portas desta exposición que abrimos hoxe son unha entrada ás obras probablemente máis significativas en canto ao que é o conxunto da produción de Prego de Oliver”, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao legado do artista como “unha produción extensa na que a técnica do óleo tivo un amplo protagonismo como forma expresiva do pintor”.
Con esta exposición, que afonda na capacidade do autor de apreixar a transcendencia dos elementos que o rodean, “estas obras –dixo– sitúanse de novo na primeira plana da oferta cultural ou, expresado desde a a perspectiva do espectador ante estes cadros, na primeira plana da vivencia cultural en Ourense”. “É, polo tanto, un convite para que a cidadanía teña a oportunidade de redescubrir, de apreciar e de sentir a interesante achega artística de Prego de Oliver a través da contemplación directa da súa obra”, concluíu Anxo Lorenzo.
‘Prego, 100 anos’
Promovida polo Concello de Ourense co apoio da Xunta de Galicia, de Iberdrola, de Afundación e de diversos museos, fundacións e particulares, a iniciativa ‘Prego, 100 anos’ inclúe outras dúas exposicións, que se poden visitar actualmente na cidade das burgas: ‘Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do bosquexo á obra gráfica’, na sede de Afundación, e ‘O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita’, no Museo Municipal.
En total, 1.200 metros cadrados de espazo expositivo albergan a obra do centenario de Prego de Oliver: 1.200 obras catalogadas e inventariadas, 50 obras de coleccións e de institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos. Entre todos eles, cómpre destacar polas súas dimensións os murais da Estación Marítima de Vigo, cunhas medidas de 6×3,4 metros cada un (e que se poderán visitar in situ, xa que na exposición estarán presentes de maneira dixital) ou un óleo de 2×4 metros.
Un referente da plástica galega
Manuel Prego de Oliver (Ourense, 1915-1986) dedicou a súa vida profesional á pintura, logo de que as circunstancias históricas, coa Guerra Civil, o obrigaran a deixar o seu oficio de mestre e coller o camiño da súa outra vocación, a artística.
En vida logrou unha certa proxección da súa obra: ademais das exposicións frecuentes en Galicia tamén conseguiu expoñer desde primeiros dos anos 40 en Madrid, Barcelona, Bilbao etc. para consolidarse xa a partir de finais dos anos 50.
O interese da súa creación viuse recoñecido no final da súa vida con diversas exposicións individuais, mesmo cunha exposición en París no Palacio da Unesco, xunto con diversos encargos que recibiu, como os murais da Estación Marítima de Vigo.