A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense abre ata o día 30 de outubro, o seu prazo de matrícula para o curso 2016-2017, nas diferentes disciplinas que se imparten.
O curso formativo empezará o día 2 de novembro e rematará o 30 de xuño, período no que os matriculados poderán asistir ás disciplinas de: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla en madeira, escultura en barro e oleiría.
No último curso a escola tivo un total de 184 alumnos matriculados, sendo as disciplinas de debuxo e pintura as máis demandadas.
Os alumnos pagarán unha cuota de inscrición de 50 euros e un abono de 10 euros mensual pola asistencia ás clases, de luns a venres, en horario de 18 a 21 horas. Están exentos os alumnos desempregados ou que formen parte dunha unidade familiar na que os dous proxenitores se atopen en situación legal de desemprego. Tamén están exentos de matrícula e abono mensual as persoas con síndrome de Down e persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.
Os interesados en matricularse poden recoller a documentación ou ampliar información no centro cultural “Marcos Valcárcel” ou en centrocultural@depourense.es.