A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou este luns as actuacións de mellora que a Xunta está a executar na ponte Vella, do Milenio e na pasarela de Oira, en Ourense, cun investimento que supera o millón de euros, coa fin de reforzar a monumentalidade desta cidade e potenciar o seu atractivo turístico. Nesta visita tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.
A Xunta está a realizar accións de mellora na ponte Vella, na que as Consellerías de Infraestruturas e de Cultura deseñaron un plan de posta en valor que recolle o mantemento, mellora e conservación que supoñen un investimento de medio millón de euros.
Este proxecto contempla actuacións sobre a estrutura, facendo limpeza exterior, restaurando a fábrica, procedendo ao encintado das xuntas para evitar que a vexetación volva medrar; así como o acondicionamento da calzada.
Unha das accións máis salientables que se está a acometer nesta infraestruturas é a renovación da iluminación de forma consensuada coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para lograr respectar o uso actual da ponte, e que esta poida ser transitada con total comodidade polos viandantes. Estas melloras pretenden reducir a contaminación lumínica e realzar a monumentalidade da estrutura, que ten un valor histórico, patrimonial e turístico incalculable.
A renovación da iluminación abrangue tres intervencións: nos estribos de acceso, na calzada e a iluminación artística exterior. Xa se rematou a iluminación da calzada, unha solución perfectamente integrada, ao aproveitar a forma do petril orixinal, o que permitiu a retirada das farolas que provocaban a principal contaminación lumínica e impedían a visión nocturna da ponte desde fóra.
A conselleira sinalou que este fin de semana estivo xa funcionando a iluminación dos estribos, é dicir, das zonas de acceso á ponte e adiantou que neste mes de outubro procederase a colocar a iluminación artística dos paramentos exteriores. Concretou que os ourensáns comprobarán nos próximos días como avanzan os traballos e como a nova iluminación resaltará cada vez máis a singularidade da ponte.
Ethel Vázquez subliñou que se trata dunha iluminación con selo 100% galego, deseñada e fabricada por técnicos e empresas galegas: foi o enxeñeiro Manuel Durán quen deu a solución lumínica para a ponte. Precisou que tamén é unha empresa galega, SETGA, a que está a renovar a iluminación: profesionais de primeiro nivel, cunha ampla traxectoria, tamén internacional.
As obras que desenvolve a Consellería de Cultura tamén marchan a bo ritmo: a actuación esteticamente máis salientable, que é a retirada da tubaxe de abastecemento da ponte, está moi avanzada, e tan só resta retirala no treito que discorre sobre a N-120, que precisa do permiso de Fomento, e se acometerá en días vindeiros.
Ponte do Milenio
Vázquez Mourelle visitara previamente a ponte do Milenio, na que o Goberno galego está a acometer distintas melloras na estrutura, co selado de fendas e a eliminación da corrosión; no taboleiro, coa súa mellora e impermeabilización; e tarefas de conservación, de retirada de vexetación, canalización das augas ou a reparación do sistema de iluminación.
Estas actuacións, cun investimento de preto de medio millón de euros, comezaron en xullo e marchan a bo ritmo, xa que están certificadas xa nun 70%. Así, en dúas semanas restablecerase totalmente o tráfico na ponte, polo que se poderá circular con absoluta normalidade e os traballos quedarán totalmente rematados no mes de novembro, devolvéndolle así a funcionalidade a unha infraestrutura emblemática.
Pasarela peonil de Oira
Por outra parte, a Xunta está a investir 60.000 euros na iluminación da pasarela peonil de Oira, que cruza o Miño, dando continuidade ao paseo existente nas dúas marxes. Vázquez adiantou que os traballos quedarán finalizados na primeira quincena de outubro, restando só a acometida eléctrica.