A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fixará un plan de seguimento para controlar a evolución do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés e determinar as medidas necesarias para a súa recuperación.
A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, mantivo unha reunión cos alcaldes e representantes das comunidades de montes afectadas polos incendios forestais rexistrados no mes de setembro, e que afectaron a máis máis de 3.700 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés; co fin de acadar a máxima coordinación e poñer en marcha o traballo de recuperación de forma inmediata.
Díaz López indicou que se estableceran plans de seguimento dos principais hábitats e especies do parque para coñecer a súa evolución e aplicar as medidas correctoras necesarias en cada momento, entre as que se inclúen a realización de sementeiras de emerxencia de especies herbáceas e/ou arbustivas, a recuperación de vexetación de ribeira que sirvan como corredores ecolóxicos e regulación do balance hídrico.
Tamén se crearán charcas e bebedeiros para a fauna salvaxe, así como a realización de sementeiras para estas. Outro paquete de medidas importantes serán as actuacións nas infraestruturas afectadas, como o acondicionamento dos camiños, pistas, áreas recreativas, vallas ou sinalizacións.
Por último, tamén se realizarán campañas de educación ambiental específicas sobre a poboación local do territorio para a sensibilización e concienciación acerca das consecuencias negativas dos incendios e a necesidade da súa erradicación. A directora xeral de Conservación indicou que estas medidas serán complementarias coas que leve a cabo a Consellería de Medio Rural; ao tempo que solicitou a colaboración de todos os axentes implicados: administracións, entidades e particulares para acadar a total recuperación deste espazo senlleiro no prazo máis breve posible.
Tal e como indicou a directora xeral, os técnicos traballaron dende o primeiro momento na avaliación e análise dos danos producidos polos lumes nos distintos ecosistemas deste espazo, como paso previo á elaboración dun plan integral de recuperación. Adiantou que as medidas recollidas no plan de conservación poranse en marcha unha vez se rematen os traballos urxentes de fixación do chan e a retirada da madeira queimada.
Axudas polos incendios
En relación aos incendios forestais, o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de axudas por valor dun millón de euros destinada a compensar as perdas que os particulares sufriran a consecuencia dos lumes deste verán. En concreto, a orde establece ata 7 liñas distintas segundo o danos rexistrados e a persoa interesada poderá solicitalas todas se así o cree necesario, aínda que o seu expediente será único. O importe máximo a recibir por cada beneficiario é de 15.000 euros e o prazo para tramitar as axudas é dun mes a contar dende este martes e pode facerse por vía telemática ou en papel.