O Concello de Ourense vén de anunciar, no Día Mundial dos Animais, a primeira edición da xornada «Convivir en harmonía», organizada pola Asociación de Propietarios de Mascotas de Ourense (APMOU), un día de convivencia coas mascotas no que poñer o foco no respecto aos animais e alertar sobre un problema de educación cidadá: o abandono dos animais. “A esterilización, a identificación e a adopción son as tres estratexias máis importantes para previr e minimizar o abandono de animais de compañía”, avanzaba a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, na rolda de prensa.
Así, o 16 de outubro desenvolverase un completo programa no que non faltará unha andaina, charlas divulgativas e xogos con animais. Ademais, a concelleira Godoy anunciou a posta en marcha, nos vindeiros días, do II Concurso de fotografía de Mascotas Adoptadas Concello de Ourense, un recurso para promocionar a adopción dos animais abandonados.
Programa da I Xornada «Convivir en harmonía»
A xornada iníciase ás 16.30h cunha andaina desde o parque canino dos Salesianos até o Centro Cívico da Ponte. Posteriormente, ás 17.15 horas, no centro cívico, impartiranse charlas coloquio de concienciación: «Que é un can , a súa comunicación e emocións», a cargo de Globus Natura, técnicos educadores caninos; «Educación social e terapia asistida con cans, a súa importancia e implicación a día de hoxe», a cargo de Arantxa Fernández, experta en terapia asistida con animais; «Dereitos dos animais e as obligacións dos responsable , normativa de tenza de animais e penas por maltrato, abandono…» a cargo de Irene Torres, avogada en dereito animal; e»Verdades e mentiras sobre os gatos», por Deborah García Martínez, veterinaria especializada en gatos.
Ás 18.15 horas haberá xogos para nenos e nenas con animais no patio do centro cívico. O obxectivo é empatizar cos animais e consideralos como un membro máis do equipo.
A xornada rematará ás 19.30 horas co concurso ‘Preséntanos a túa mascota’ . Reuniranse os cans cos seus acompañantes que foran rexistrados previamente para a actividade e contar a súa historia e as súas experiencias como padriños/madriñas, casas de acollida ou adoptantes animando aos asistentes a vivilas en primeira persoa.