O Centro Municipal de Coñecemento La Molinera impulsa a cultura creadora a través das novas tecnoloxías cun ciclo de 7 obradoiros englobados baixo o lema “Outubro maker”. Con eles, o Concello pretende fomentar a denominada cultura “maker”, que convida á cidadanía a aproveitar o extraordinario potencial que as novas tecnoloxías poñen nas súa mans para desenvolver a súa capacidade creativa. Así, ofertaranse obradoiros de introdución á robótica, electrónica, e impresión 3D entre outras manifestacións do fenómeno “faino ti mesmo”. Comezarán en outubro e desenvolveranse en horario de tarde ata novembro ou decembro. O prazo de inscrición abrirase o 6 de outubro.
Os obradoiros para adultos son os de “Creación de obradoiro maker”, que comprenderá o coñecemento e utilización de elementos dun taller, deseño e fabricación dunha máquina de envasar ao baleiro e experimentación con ferramentas “maker”; “Robótica con Arduino”, que trata sobre iniciación, introdución ao pensamento dun robot e manexo de programas; “Electrónica básica para makers», que achegará aos participantes ao deseño de circuítos, deseño e captura de esquemas electrónicos e ensamblado de circuítos impresos. Ademais, “Introdución ao Arduino” ensinará os compoñentes electrónicos, tipos de placas, ferramentas de programación e manexo de programas simples; “Electrónica aplicada á robótica” abordará instrumentos de medida, uso de polímetro e osciloscopio dixital, xenerador de funcións, técnicas de soldadura, deseño e captura de esquemas electrónicos; e «Impresión 3D avanzado” trata sobre manexo e seguridade dunha impresiora 3D, detección de avarías e coidados e mantementos de impresoras 3D.
A programación complétase cun obradoiro para nenos: “Youtuber para nenos”, que achegará aos máis cativos (8 a 12 anos) ao fenómenos seguramente máis en auxe entre a mocidade como é o dos cada vez máis populares “youtubers”.
As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web http://www.lamolinera.net, ou solicitar máis información no propio centro municipal, sito na rúa do Abrevadoiro, 1, Ourense, teléfono 988 374523.