A Gala contra o cancro de Ourense volve este ano para celebrar a súa cuarta edición. Tras tres anos enchendo o Auditorio Municipal, esta cita solidaria consolidouse como unha das máis relevantes da provincia, reunindo a referentes do mundo da música, a danza, o humor e a interpretación. Despois de recibir a artistas como Susana Seivane, Lucía Pérez, Emilio Rúa, Daniel Minimalia, Luís Emilio Batallán, Rosa Cedrón, Guadi Galego e Xosé Manuel Budiño entre moitos outros, este ano, a celebración adiántase ó venres 18 de novembro no Auditorio da cidade.
Os mestres de cerimonias serán Rubén Riós e Lucía Rodríguez, que amenizarán a gala con elocuentes e divertidas intervencións que darán paso aos artistas da gala.
Á espera da confirmación de artistas para completar o cartel, a Organización do evento anunciou as actuacións desta edición. Lys Pardo, filla do eterno Juan Pardo, presentará cancións do seu álbum “De familia”, unha oda ao legado do seu pai no que repasará clásicos do cantante mallorquino como “Anduriña” e “No me hables” entre outros. A música correrá polas veas dos asistentes tamén da man de Xabier Vizcaíno. O intérprete e compositor do Incio, presentará cancións do seu álbum “Alas de papel”, seguindo o seu estilo de cantautor pop-rock. En representación da música local, o proxecto La Dama de Gris, iniciado pola cantante Belén Monís e o pianista José Carlos González, cantarán temas inéditos e composicións propias, así como coñecidas versións de temas musicais. A danza estará presente a través da Escola de baile “Estilo Libre” que presentará perfomances e coreografías orixinais e xenuínas.
A Organización espera nos próximos días, anunciar aos artistas e grupos que completarán o cartel, así como os puntos de venda de entradas e o cartel oficial desta IV edición.