Co programa “Coñece Ourense” a Deputación busca que os mozos afonden no patrimonio arquitectónico, histórico e natural.

Os estudantes da ESO viaxan pola historia da provincia

A Deputación de Ourense organiza o programa escolar “Coñece Ourense”, unha iniciativa a través da cal difunde o patrimonio natural e arquitectónico-artístico da nosa provincia entre o alumnado da ESO. A presentación deste programa tivo lugar esta mañá no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa “Lansbrica”, en San Cibrao de Lás, situado entre os municipios de San Amaro e Punxín.

“Coñece Ourense”, a día de hoxe, xa ten pechadas 35 excursións polas cinco rutas que existen, unha iniciativa que se desenvolverá desde agora e tamén no 2017. Os colexios interesados en participar poden anotarse para realizar algunha das cinco rutas culturais ofertadas: O Carballiño-Ribadavia, Verín, Bande, Ribeira Sacra ourensá, e O Bolo-Manzaneda.

Este programa escolar permitirá aos participantes coñecer elementos do Neolítico, ou converterse en “soldados romanos” na visita a Bande, ver as pegadas castrexas (San Cibrao de Las), os restos xudeus de Ribadavia, as civilizacións medievais e un santuario barroco nas Ermitas (Manzaneda e O Bolo), e valorar a importancia dos nosos mosteiros (San Pedro de Rocas, Santa Cristina e Montederramo) e das nosas augas mineiro-medicinais.

Cada centro escolar visitará un destino, para o cal ten que escoller dúas das cinco opcións que se ofertan, por orde de preferencia. O número máximo de alumnado por centro é de 47. A reserva farase por rigoroso orde de chegada das solicitudes ao correo: cultura@depourense.es.