O Concello de Vilar de Santos, mediante un convenio coa Consellería de Medio Ambiente no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eliminou dous vertedoiros incontrolados, localizados na parroquia de Vilar de Santos e o outro na parroquia de Parada. Esta actuación forma parte dun Programa Ambiental, con diversos proxectos a desenvolver no territorio municipal que se ven aplicando e que terá continuidade nos vindeiros meses con outras actuacións.
Os vertedoiros formáronse nos últimos anos, con residuos de diversa procedencia e composición. Unha vez rematada a limpeza nesta semana a cantidade de residuos retirados foron: residuos plásticos, uns 50 m3. Residuos mesturados 700 m3. Residuos voluminosos, 2 toneladas. Residuos forestais, 70 m3 e aparatos eléctricos-raees, uns 120 kg.
Esta cantidade de residuos dificultou os traballos. Por ese motivo utilizouse maquinaria pesada, ademais do traballo manual. Unha vez retirados os residuos, procedeuse ao acondicionamento da zona. O lixo dará paso a espazos recuperados, consolidados con herba para lograr a máxima restauración ambiental e integración paisaxística.
Hai que recordar que no ano 2012-13 o Concello eliminou outro vertedoiro incontrolado duns 3.000 m2 nun terreo, cerca do núcleo de Casas da Veiga na marxe dereita da Canle da Lagoa, noutro convenio asinado co Ministerio de Medio Ambiente e a Asociación da Reserva da Biosfera da Area de Allariz da que Vilar de Santos forma parte.
A execución destes traballos, era unha actuación urxente e necesaria desde o punto de vista ambiental, e “reflicte o noso compromiso ca protección do medio rural e natural e a conservación da diversidade medioambiental e paisaxística do concello”, di o alcalde, Xan Jardón.