Están dirixidas a mozos e mozas maiores de 15 anos e anotarse é completamente de balde.

O Concello de Ourense pon en marcha novos cursos dirixidos a mozos e mozas a partir de 15 anos, dentro do programa Ourense Xove. Estas actividades foron seleccionadas do Laboratorio de Propostas que, por primeira vez, convocou a Concellería de Xuventude. Á convocatoria presentáronse 34 empresas ou persoas físicas (autónomos) e o número total de ideas ou propostas foi de 70. De todas estas ideas, fíxose unha selección de 25 actividades, para incluír nos diferentes programas da Concellería dirixida por Sofía Godoy no marco do Ourense Xove 2016.

A Concellería de Xuventude busca así estimular e favorecer a participación social dos mozos e mozas a través dunha actuación de carácter educativo e lúdico. Ademais, búscase desenvolver e afianzar a madurez persoal mediante a adquisición de hábitos e capacidades que lles permitan participar como traballadores e cidadáns responsables, no seu traballo e na súa actividade social e cultural. As actividades desenvolveranse, maioritariamente, no Espazo Lusquiños da Mocidade (avda. de Marín) co obxectivo de dinamizar o espazo durante as fines de semana en horarios de mañá e de tarde.

Prazo aberto

O prazo de inscrición para as actividades de outubro, novembro e decembro 2016 xa está aberto. Todas as actividades son de balde e a admisión será por orde de entrega das solicitudes, tanto por correo electrónico como nas dependencias da Concellería de Xuventude. Máis información e inscricións, nas dependencias da Concellería de Xuventude ( praza San Martiño ), no 988 388 154 e 988 318 925 (Lusquiños) ou a través do enderezo electrónico xuventude@ourense.es.