O Durango foi a vítima nun partido que rematou 44-12.

Nova vitoria na casa do Campus Rugby

O Campus Universitario Ourense Rugby Coosur sumou a segunda vitoria da tempada e a segunda como local.

Nesta ocasión o rival foi un Durango Nissan-Gaursa RT que nada puido facer ante o empuxe dos ourensáns, claros dominadores sobre o céspede do sintético das Lagoas.

A férrea defensa visitante maniatou durante os primeiros minutos aos locais; a experiencia na categoría dos vascos complicou o arranque de partido. O Campus quería evitar que o rival fixera bonus.

O bo traballo defensivo e ofensivo levou á vitoria aos de David Monreal. Os 14 puntos do pateador Moi e os cinco ensaios -incluído un ensaio de castigo- durante o encontro levaron á segunda vitoria consecutiva na casa, ámbalas dúas por enriba dos 40 puntos.

Ademais Rucho, Tui, Joe, Pam e Justin lograron ensaiar para facer os 44 puntos dos ourensáns, polos 12 dos visitantes. Este resultado fixo que o Campus lograra cinco puntos, para a clasificación, neste partido.

Descanso
Esta fin de semana toca descanso. A competición regresa o día 23 no que toca derbi. Os de Monreal desprázanse ata A Coruña para enfrontarse ao Crat.

O Campus Rugby marcha sexto na clasificación con 10 puntos. A clasificación a lidera o UBU-Colina Clinic; os burgaleses foron os últimos verdugos dos ourensáns fai dúas xornadas.

Campus B
Despois do partido do primeiro equipo tocoulle o turno ao filial.

Enfrontáronse ao Santiago RC ao que venceron por 22 a 17 decidíndose o partido nos últimos minutos.

Xogadores do segundo equipo e descartes desta xornada do primeiro foron os que conformaron a plantilla ourensá neste amigable.