O Auditorio Municipal de Ourense acollerá esta semana unha programación de luxo, no marco do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). A compañía galega, Chévere, Premio nacional de teatro, 2014, a andaluza Atalaya, Premio Nacional 2008, a galega Matarile, e a mexicana Lagartijas tiradas al sol subirán ao escenario ourensán para presentar as súas últimas producións. O domingo haberá sesión dobre, pois o Concello programa a súa oferta para as familias, con teatro de monicreques. E como colofón do FITO, o día 19 con José Sacristán e Javier Godino, á fronte da obra de David Mamet, «Muñeca de porcelana».
A compañía galega Chévere representará o mércores 12 ás 20.30h, «As fillas bravas». Chévere trata de interesar a un público o máis amplo posible, utilizando o humor como vehículo para establecer unha comunicación directa. Nesta obra, un grupo de cantareiras (tres irmás) ofrece un recital e entre canción e canción vai xurdindo un diálogo entre elas e co público sobre temas como a sexualidade, as relacións entre homes e mulleres, a violencia e a toma de poder da muller, sempre a partir das coplas que van cantando.
Outra compañía Premio Nacional de Teatro (2008), a andaluza Atalaya subirá ao escenario o venres, 14, ás 23:00 horas con «Así que pasen cinco años», precisamente a a obra que fixo visible a compañía a nivel nacional. Representa algúns dos temas básicos omnipresentes na obra de García Lorca, coma o tempo, o amor e a morte; e temas entrecruzados entre si, como a importancia dos soños, a frustración, a súa propia viaxe interior e a esterilidade.
O teatro galego volverá o sábado 15 ás 20.30h, «Antes de la metralla» de Matarile, unha das formacións galegas máis internacionais e galardoadas, que celebra este ano o seu 30 aniversario.
«Antes de la metralla» non pretende ser unha representación. É un encontro real entre persoas que por unha banda aportan o seu punto de vista e, pola outra, están dispostas a amosarse máis alá do refuxio da palabra. O obxectivo é expoñer algunhas orientacións e interpretacións da escena contemporánea dende diferentes ángulos, perspectivas ou implicacións. Idéase como un traballo in situ, cuns días previos de encontro e cunha posta en escena final, pero sen ánimo de que sexa un espectáculo pechado senón máis ben a mostra do resultado dese encontro: un acontecemento para un marco específico.
México chegará ao Auditorio o domingo, 16, ás 21h, coa representación de «Santiago Amoukalli» de Lagartijas tiradas al sol. Defínense como un grupo de artistas convocados por Luisa Pardo e Gabino Rodríguez que dende 2003 desenvolven proxectos como mecanismo para vencellar o traballo e a vida, para borrar fronteiras. O seu traballo busca dar sentido, artellar, dislocar e desentrañar o que a práctica cotiá fusiona e pasa por alto. Non ten que ver co entretemento, é un espazo para pensar.
A obra é unha coprodución da compañía co festival Belluard Bollwerk. Santiago Amoukalli é o nome dunha comunidade que se localiza no suroeste de México, aí fálase nahuatl e un pouquiño de español. É unha historia que intenta cuestionar como se implanta “a democracia mexicana” nun ámbito e comunidade específica que ten a súa historia, contexto e alto nivel de marxinación. Un México que nos queda moi lonxe, tanto que, ás veces, parécenos invisible, pero aí está.
«Muñeca de porcelana», con José Sacristán
José Sacristán (máis de cen películas e obras de teatro na súa traxectoria, gañador do Goya 2012, Concha de plata 1978 e 2012) e Javier Godino porán o peche ao FITO 2016, o mércores, 19, ás 20:30 horas, á fronte da compañía Bravo Teatro, cunha longa e destacada traxectoria nos escenarios: «Muñeca de porcelana». A obra, orixinal de David Mamet na versión de Bernabé Rico e dirección de Juan Carlos Rubio, conta a historia dun millonario que acaba de mercarlle un avión á súa prometida como regalo de voda. A súa intención é xubilarse e dedicarse por enteiro a ela. O último día na oficina recibe unha chamada de última hora que desexaría non recibir nunca. A obra reflexiona: Están os poderosos libres de render contas polos seus actos? Existe unha elite que manexa os fíos coa capacidade de variar o rumbo dos acontecementos con tan só unha chamada telefónica?
Cita co teatro infantil o domingo
Xunto coa programación do FITO, o Auditorio cumplirá un domingo máis coa súa habitual cita co teatro para nenos e nenas, neste caso cos monicreques da compañía Viravolta, co espectáculo «A maleta de don Attilio» (12h). O circo de Don Attilio chega á vila! A pista xa está montada na praza e o público agarda expectante a que comece o espectáculo. Por fin! Toni Bombillo, estrela do circo, poderá ver a súa amada María, a filla de Don Próspero, preboste do Barrio alto! Pero, onde se viu que unha marioneta de luva fina e acomodada se xuntase cunha marioneta de mesa pobre e ambulante?.
II Encontro Mulleres creando
Tamén no marco do FITO, o Auditorio acolle os días 14, 15 e 16 de outubro o II Encontro Mulleres creando, que pretenden intercambiar experiencias, coñecerse a través do que realizan e seguir impulsando, tamén nas artes, a paridade como criterio cultural.