O grupo municipal de Ourense en Común presentaba este xoves no rexistro municipal unha instancia dirixida á Alcaldía despois de que o TSXG declarase ilegal e anulara a ordenación urbanística pProvisional do Concello de Ourense aprobada pola Xunta o 29 de setembro de 2011. Unha ferramenta de xestión deseñada despois da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do ano 2003, por non levar a cabo un proceso de participación pública.
Feitos que para o voceiro deste grupo, Martiño Xosé Vázquez, amosan de novo “a falacia da boa xestión do Partido Popular. Os dous instrumentos de planeamento xeral anulados polos tribunais (PXOM de 2003 e OUP do 2011) foron decisións do mesmo goberno de Feijóo (no primeiro caso, como conselleiro; no segundo, como presidente da Xunta).”
Para evitar o que denominan “cascada de responsabilidades patrimoniais derivadas pola tramitación de instrumentos de planeamento ou trámites de licenzas non amparadas polo PXOM de 1986” solicitan a suspensión cautelar de todos os instrumentos de planeamento e xestión derivados desta ordenación urbanística provisional. Advirten que isto non ten por que supoñer a paralización de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, pois existe amparo da Lei 3/2016. “Estamos perante unha medida necesaria ao marxe do eventual recurso ideado polo equipo de goberno, que poucas expectativas ten en base á xurisprudencia” apunta Martiño Xosé Vázquez.
Ademais, e coa vontade de “desbloquear a parálise do equipo de goberno” na aprobación do novo PXOM solicitan a convocatoria urxente dunha xunta de voceiros acompañada da Comisión de Seguimento do PXOM para dar conta da sentenza, dos seus efectos, e das decisións a tomar. Información que apuntan, “debe ser trasladada de inmediato á veciñanza do Concello de Ourense preocupadas polas consecuencias desta anulación”.