O produtor José Sousa ven de ser recoñecido co VI Premio «Ourensanía”, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.
O xurado do Premio “Ourensanía”, reunido no Pazo Provincial baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ditaminou concederlle o Premio “Ourensanía 2016” a José Sousa, produtor de cine e propietario da Productora Xenon Films, pola súa longa carreira cinematográfica en Venezuela que o ten colocado entre as primeiras produtoras cinematográficas daquel país e situado coma un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.
Nacido no lugar de Ver (Ramirás), o traballo de José Sousa no ámbito da industria cinematográfica venezolana cóntase a través de centos de producións audiovisuais, curtametraxes, documentais, spots publicitarios, etc., realizados ó longo das tres últimas décadas, se ben o seu prestixio como cineasta aséntase na implicación en preto de 40 longametraxes, como “El manzano azul”, “Reverón”, “El malquerido” ou “La casa del fin de los tiempos”, que teñen conseguido os máximos niveis de aceptación por parte do público hispanoamericano e que o manteñen instalado na vangarda permanente da cinematografía de América Latina.
Jackeline Salazar
O xurado desexa facer mención explícita, ademais, á súa dona Jackeline Salazar, (asasinada a finais do pasado mes de agosto por mor do clima de desatada delincuencia coa que conviven hoxe en día os venezolanos) e que aínda sendo venezolana de nacemento era unha gran admiradora de Ourense. Sen a intervención de Jackeline Salazar, como vicepresidenta da Productora Xenon Films, non sería posible entender tan abondoso traballo na industria audiovisual venezolana coma o que ten levado a cabo a devandita produtora.
Novo recoñecemento
Por outra banda, o xurado acordou que a partir desta edición, cada ano sexa rescatada do silencio da historia unha figura senlleira de entre os innumerables ourensáns que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de que seren devolvidos á actualidade polo legado que nos deixaron trala súa desaparición.
Neste sentido acordouse que a primeira figura a recoñecer sexa Rodolfo Prada Chamochín, un emigrante ourensán nacido nos Peares (A Peroxa) que desenvolveu toda a súa actividade profesional e cultural en Buenos Aires e que foi o garante dos principios da ourensanía e do galeguismo na quinta provincia, sendo ademais unha figura transcendental na biografía bonaerense de Castelao.
A entrega do VI Premio Ourensanía terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, por ser o día de San Martiño.