A carreira decana das populares pedestres galegas celebra este ano o seu cuadraxésimo aniversario.

Unha San Martiño «XL»

A San Martiño celebra este ano a edición XL da carreira decana do panorama autonómico. 40 anos nos que se converteu nalgo máis que unha simple carreira.

40 anos nos que a súa evolución foi palpable; dos 216 participantes desa primeira edición, o 10 de novembro de 1977 pasouse aos 9.483 da pasada. Unha proba que é un festa en si. Uns queren gañar, outros batir as súas marcas, algúns demostrar que son capaces de completar a distancia; pasar un día en familia en torno ao deporte e outra das opcións. Pero para todos é un día especial no que se quere poñer o seu gran de area nunha cita tan emblemática.

Ás 11 da mañá os maiores percorrerán un circuíto homologado de 10 quilómetros. Ás 12:30 horas, a escolar de 4,7 km. E o punto e final o porán os máis cativos (13:15 horas) cunha carreira de 1,4 km; nesta moitos dos que correron a absoluta acompañarán aos seus fillos

Inscricións
As inscricións realizaranse en deportesourense.com ou en championchinorte.com. O prazo para anotarse xa está aberto e ten un prezo (para a carreira absoluta, as demais son de balde) de 5 euros se se fai ata o 5 de novembro e de 7 se se realiza do 6 ao 13 do mesmo mes.

O prazo de inscrición para optar á recollida anticipada de dorsal (recollelo nun lugar determinado pola organización para os que son de fóra de Ourense), chip e camiseta é ata o 5 de novembro.

A recollida de chips (agás os que teñen chip en propiedade), dorsais e camisetas será o venres día 18 de novembro de 16h a 20h e o sábado día 19 de novembro de 9h a 20h na cancha central do Pavillón dos Remedios. Se a inscrición se realiza como grupo, a recollida de chips, dorsais e camisetas será do mesmo xeito, nunca de maneira individual. A recollida anticipada de chips (para os inscritos ata o 5 de novembro) será os días 17, 18 e 19 de novembro de 2016 nos puntos acordados.

A organización disporá dun servizo de gardarroupa, que deberá solicitar na inscrición.

Récord
O ano pasado foron 11.716 os inscritos na carreira, entre os que cómpre destacar 2.337 cativos e 4.000 escolares, así como un 28% de participación feminina, segundo apuntou a coordinadora do Consello Municipal de Deportes (CMD), Marta Míguez.

O alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, quere que este ano se supere o récord de inscritos e é que como dixo na presentación, ten que ser «cita ineludible na axenda social e deportiva desta cidade e bater todos os rexistros de participación”.

Novidades
Un magosto popular no campo da feira é a maior novidade e a colaboración solidaria con asociacións contra o cancro e Stop Accidentes -representado por Benito Bouzada- son os condimentos desta 40 San Martiño.

O magosto celebrase a partir das 14:30 horas e terá un custe de 5 euros por persoa; o menú constará de bolos preñados, costilla e castañas.