Ourense en Común critica a falta de cumprimento da normativa que regula tanto a convocatoria da Comisión de Contas, o ditame e aprobación das mesmas, como a falta de documentación, en tempo, relativa ao estado da Conta Xeral do Concello e do Consello Municipal de Deportes.
A conta xeral é un conxunto de documentos que cada concello ten que elaborar cada ano para informar sobre situación do patrimonio, gastos, ingresos, e como se executou o orzamento. A concelleira Ledicia Piñeiro advirte que “o Concello de Ourense, como xestor de fondos públicos, ten a obriga de informar sobre a actividade económica, financeira e orzamentaria e facelo en tempo e forma».
Segundo o recollido no artigo 212 da lei de Facendas Locais, a conta xeral será sometida antes do día 1 de xuño a informe da Comisión Especial de Contas da entidade local. No Concello de Ourense realizouse esa comisión o pasado 6 de outubro, con catro meses de retraso con respecto ao recollido na normativa. Ademais, no punto 4 de dito artigo 212, recóllese que, a conta xeral someterase ao Pleno da corporación, para que, no seu caso, poida ser aprobada antes do día 1 de outubro.
«No día de hoxe aínda non temos as contas aprobadas e iso pode bloquear investimentos do goberno central no noso Concello», apunta a edil de OUeC, quen denuncia a falta de previsión do Partido Popular de aprobar con anterioridade a instrución necesaria e na que se escuda o goberno municipal para non ter aprobada aínda estas contas. «A realidade é que esa instrución foi igual para todos e noutros concellos non hai retraso na presentación das contas e se o hai non é tan grave como o de Ourense. A Coruña, xa en setembro tiña o ditame feito e o período de exposición ao público. Se chegásemos a decembro sen telas aprobadas estaríamo nun grande risco no relativo as inversións.»