O partido está previsto para o domingo ás 16:30h no campo do Monterrei.

A UD Ourense visita ao Monterrei en Rozavales

Este domingo os capitalinos visitan o campo de Rozavales para medirse ao Monterrei. Os da comarca de Verín descenderon o ano pasado da Rexional Preferente; e este ano as cousas non lles están saíndo ben.

Con catro puntos en oito xornadas ocupan a décimo sexta posición. A priori, o favorito para este partido é a UD Ourense que tentará sumar os tres puntos para continuar ao fronte da clasificación.

Lesionados
A mala noticia do último partido da UD Ourense que enfrontouno co Atlético Arnoia foron as lesións de Omar e de Hugo.

O centrocampista sufriu unha dura entrada na segunda metade -cando máis bronco estaba o partido- dun xogador rival.

O xogador puido rematar o encontro aínda que se lle viu coxeando nos últimos minutos. Nun primeiro momento parecía que o golpe non fora nada, pero conforme ían pasando as horas as dores no nocello foron en aumento.

Semellaba unha escordadura de nocello que o tería afastado dos terreos de xogo durante un mes; pero logo de máis probas confirmouse que tiña afectados os ligamentos. Omar non volverá pisar un terreo de xogo ata o ano que vén.

O outro lesionado no partido ante o Arnoia foi o dianteiro Hugo. Tivo que pedir o cambio aos 20 minutos de partido tras unha xogada na que pisou mal e bloqueóuselle o xeonllo. Á esperar de realizar novas probas, para descartar algo grave, o xogador é optimista e confía en estar en breve adestrando cos seus compañeiros.

Resto da xornada
O Bande recibe na casa ao pechacancelas, A Manchica. O resto de encontros desta xornada na Primeira Galicia serán o A Peroxa – Ribeiro; Velle – Cortegada; Antela – Taboadela; Arnoia – Allariz; Francelos – Vilariño; Viana – Xunqueira e Maside – Celanova.