Os concelleiros de Cultura e Mocidade, Emilia Somoza e Diego Lourenzo, presentaron a programación da segunda edición da “Noite de Medo” que se levará a cabo o día 31 de outubro para celebrar o Samaín en Verín.
O luns 31 pola tarde, a partir das 17:30 horas, os máis pequenos participarán nun terrorífico pasarúas temático que saíra da Praza do Concello e percorrerá as rúas realizando tres paradas: Concello de Verín , Pavillón Municipal de Deportes e Praza da Mercé. Nestes lugares os personaxes temáticos do pasarúas tatuarán aos nenos que se atrevan a achegarse para, finalmente, finalizar o percorrido na Praza Maior onde se realizará unha arrepiante queimada infantil con froita e refrescos. A queimada realizaraa a bruxa Xacinta coa axuda do seu orco e de dous demos.
Ás 23:30 horas, o cruce das rúas Marbana e Muralla converterase no punto de partida da “Noite de Medo». Todas as persoas que se atrevan, poderán unirse a procesión da Santa Compaña que percorrerá as rúas do Casco Vello. Durante o traxecto os asistentes vivirán arrepiantes sorpresas. O terminar o percorrido, na Praza Maior, os asistentes disfrutarán co musical “No es serio este cementerio (Mecano)” interpretado polos alumnos do IES Xesús Taboada Chivite. A xornada de medo terminará da man da Disco Móbil Gramola.