A XVI edición da “Noite Meiga”, organizada pola Asociación Ribadavia Activa-T, chega este sábado, 29 de outubro, a Ribadavia, cunha nova actividade dirixida aos máis cativos, unha actuación de Monicreques chamada “A bruxa riquiña e a súa avoíña” na que se representará o que é a Noite Meiga, nos dous colexios. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de cultura, Manuel Doval; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e as representantes da Asociación Ribadavia Activa-T, Alba González e Jéssica Martínez.
As actividades comezan ás 17.00 horas cun mercadiño meigo de artesanía, e continúa cun baile de feiticeiros, un photocall meigo e, ás 20.00 horas dará comezo o desfile animado por Donas sen cabaleiros, Santa Compaña, Dama de Lume, Xituma Batuque, e Os Tabaleiros da Istoria, que sairá da ponte de San Francisco.
A Pasaxe do Terror é “a actividade con máis éxito da festa, que dará comezo ás 22.00 horas, e correrá a cargo de Trécola Teatro e de voluntarios do Ribeiro no Castelo. As entradas poderán comprarse a partir das 20.00 horas na taquilla da praza Maior, por un prezo de 4 euros”, explicou Jéssica Martínez.
Asemade esta edición conta con outras novidades como o espectáculo de lume e malabares “Dama de Lume”, executado pola artista portuguesa Rita Miguel, ás 22.15 horas na praza Maior, ou o “Flashmob”, unha experiencia grupal cun baile que se activa a través de internet cunhas regras moi sinxelas e que terá lugar na praza Maior da localidade ás 23.45 horas. “As Lajartas” que realizarán unha performance nunha plataforma móbil.
Dentro da programación prevista para ese día, tamén se inclúe o concurso-exposición de cabazas no que participan nenos e nenas en categorías: infantil, 1º-3º de Primaria, e 4º-6º de Primaria. A exposición estará desde o día 28 de outubro ao 2 de novembro, e o premio do concurso entregarase o día da festa na praza Maior.
O concerto de Fin de Festa correrá a cargo do grupo “Fillos do Estramonio” liderado por Pepe Capelán, a partir das 01.00 horas.