Dende hai sete anos os empresarios da zona norte de Ourense decidiron unir forzas para loitar polos intereses comúns e poñer en marcha campañas comerciais para incentivar ao cliente. A través da Asociación de comerciantes Ourense Norte comparten dúbidas, demandas e ideas. Falamos con José María González, o seu presidente, para coñecela máis a fondo.
Cando naceu a Asociación de Comerciantes Ourense Norte?
José María González: “A asociación naceu fai sete anos e converteuse en centro comercial aberto fai cinco”.
Dende cando es o seu presidente?
J.M.G.: “Levo case seis anos no cargo”.
Cantos socios ten?
J.M.G.: “Ao día de hoxe conta con 172 socios”.
Que tipo de servizos ofrece aos asociados?
J.M.G.: “Os servizos que ofrecemos aos socios son principalmente o de apoiar no comercio coas distintas campañas, asesorar en calquera tipo de problema tanto coas administracións como con calquera dúbida que lles xurda relaciónado co comercio. Por exemplo, tanto lle axudamos en conseguir un vado, unha carga e descarga como os asesoramos xuridicamente”.
Que tipo de demandas teñen os empresarios desta zona?
J.M.G.: “Os empresarios da nosa zona demandan sobre todo que habiliten prazas de aparcadoiro xa que dá pena ver como se nos van os clientes por non poder aparcar.
E sobre todo queremos que as nosas autoridades se acheguen en posturas que tanto poden favorecer ao comercio local, como pode ser a Praza de Abastos da Ponte, a chegada do AVE, e que por unha vez se faga algo polo tema do termalismo, con máis investimentos para xerar empresas e emprego local a través deste sector, do que tanto se fala pero que dá pena velo”.
Que tipo de promocións organizades? Cal serà a próxima?
J.M.G.: “Estamos intentado recuperar a pasarela Nortemoda para o mes de decembro, a cal realizamos durante tres anos, e esta vez a nosa idea é que teña lugar nun lugar emblemático ourensán.Tamén imos sacar unha revista para dar a coñecer os nosos comercios e para contar un pouco a historia que aí detrás de cada un.
Como valorades a resposta das autoridades políticas municipais ante as vosas demandas?
J.M.G.: “As autoridades, en xeral, responden ben, tendo en conta os anos tan malos que nos tocou vivir. Pero quen máis nos axuda é a Consellería de Industria a través da Dirección Xeral de Comercio, que sempre estivo ao noso lado apoiando tanto con iniciativas da Consellería como os nosos proxectos locais”.
Envialle unha mensaxe aos nosos lectores.
J.M.G.: “Animo aos empresarios ourensáns e en especial aos do norte de Ourense para que se unan e intentar entre todos superar estes momentos de crise que vivimos. Así mesmo, anímoos a que presenten propostas de todo tipo, porque estaremos encantados de atendelos”.