O Concello outorga máis de 100.000 euros en axudas para a rehabilitación de vivendas

O Concello de Ourense vén de outorgar, en Xunta de Goberno local, cinco subvencións correspondentes ás solicitudes de axuda á rehabilitación da ARRU (Axudas á Rexeneración e Reurbanización Urbana, as antigas ARI) de Polvorín – Camelias – Carballeira. En total, concédense 102.109 euros para melloras en vivendas (ascensores, rehabilitacións de elementos comúns, instalación de extintores, etc), axudas que se imputan ao Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2013-2016 dacordo co Acordo Bilateral asinado o 27 de outubro de 2015 para o financiamento das actuacións nesta ARRU.

“Estas son as primeiras subvencións que se aproban neste ano nos ARRU da cidade, practicamente todas para instalación de ascensores, mellora de fachadas ou illamentos”, aseguraba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno. “Están en trámite axudas nun total de 22 edificios, cunha media de 16 vivendas en cada un, no ARRU de As Camelias – Polvorín – A Carballeira”, dixo. O custo total das subvencións que están en trámite son 446.700 euros. Ademais, no ARRU do Casco Histórico están 4 expedientes en marcha, cun importe das subvencións en trámite de 48.000 euros. No que respecta ao ARRU de Seixalbo, hai 4 expedientes para obras de mellora en vivendas familiares, cun orzamento estimado das subvencións de 44.000 euros.

Emprego

Na mesma Xunta de Goberno aprobouse o convenio de colaboración entre Concello e Bidef Consultoría para o desenvolvemento do programa formativo de inserción laboral Inserta-T, sen custo para as arcas municipais.

Inserta-T, programa que conta cunha taxa do 60% de inserción real noutros lugares onde xa funciona, diríxese a desempregados de perfiles universitarios e de formación profesional, polo que “é a primeira vez que no Concello de Ourense se pon en marcha un programa específico para titulados”, en palabras do rexedor, que nesta presentación estivo acompañado polo concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Jorge Pumar, e polo representante de Bidef, Julio Pose.

Os participantes terán un itinerario individual e personalizado na súa cualificación e experiencia que incluirán atencións individuais, participación en talleres formativos e finalmente, e de xeito moi significativo, a aplicación dos instrumentos de inserción laboral nas empresas para unha maior aplicación práctica. Capacitarase os alumnos para desenvolver as funcións do posto de traballo cun enfoque de mellora de procesos internos, optimización dás relacións custes/ingresos e posicionamento no mercado co obxectivo de acadar unha maior eficiencia na empresa e sempre en áreas vinculadas á súa formación académica ou experiencia profesional.

Os interesados -hai 40 prazas- poderán inscribirse ata o día 7 de novembro a través dun formulario que se pode descargar na páxina web do Concello de Ourense, na oficina de Atención ao Cidadán e no Centro de Iniciativas Empresariais, dándolle rexistro de entrada no Concello. Posteriormente, os inscritos deberán acudir a La Molinera o vindeiro día 10 de novembro ás 9:30h para o proceso de selección para participar no programa.