Publicado o Ourense por Barrios

A renovación da iluminación na ponte Romana e unha entrevista ao escritor Alberto Canal son as imaxes de portada do número de outubro de Ourense por Barrios.

No interior da publicación, analizamos a situación do urbanismo na cidade, logo de que o TSXG anulara a ordenación urbanística provisional, e retomamos a problemática dos colectores soterrados.

 

Asemade, informamos das obras nas pontes do Milenio, Vella e pasarela de Oira, das demandas da AVV As Termas e dos veciños  de Seixalbo e da rúa Río Návea; da decisión do Concello de Barbadás de investir 287.000 euros na mellora de parques, pavimentación e alumeado e do anuncio do grupo de goberno do Concello de Ourenes de rebaixar nun 5% o recibo do IBI para o ano que vén.

A iniciativa da Diocese para organizar grupos de autoaxuda para coidadores de dependentes, o apoio económico da Deputación de Ourense ás actividades da Universidade de Vigo ou a celebración do Salón Celebra en Expourense son outros dos contidos deste número.

Ademais, entrevistamos ao  presidente da asociación de comerciantes Ourense Norte, José María González,  e ao escritor Alberto Canal, finalista do Xerais con “O amor nos escuros días de Birkenau”.

En Ourense por Barrios tamén avanzamos os detalles do programa da 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense e recordamos que están abertas as inscricións para a 40ª edición da Carreira do San Martiño.

Todos estes e outros contidos, dispoñibles on line no seguinte enlace.