O Concello de Riós ensalzará os seus dous produtos insignia, na XXII edición da “Festa da castaña e do cogumelo”, que se celebrará os vindeiros días 5 e 6 de novembro con actividades dirixidas a todos os públicos. Así o informaron esta mañá no Pazo Provincial o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Riós, Francisco A. Veiga; e as técnicos do concello, Nuria Sánchez e María Jesús Álvarez.
Nuria Sánchez explicou a programación prevista para eses días de celebración que dará comezo o día 5 de novembro, ás 10.00 horas, coa saída o campo con monitores da Asociación Micolóxica “Os Cogordos-Ourense”, saída que terá lugar desde a planta baixa do edificio Multiusos e “na que se explicarán cáles son as setas comestibles e cáles velenosas, que servirán para a exposición do día seguinte, xunto cas castañas”, dixo Nuria Sánchez. Pola tarde, ás 18.30 horas, celebrarase unha charla sobre “pragas do castiñeiro”, a cargo de Rafael Vahamonde. O magosto popular será ás 20.00 horas na praza do Toural, organizado pola Asociación de veciños de Riós e Marcelín, cun menú que inclúe: castañas, empanada, panceta, chourizo, bica, pan e bebida.
A programación continúa ao día seguinte, o 6 de novembro, ás 9.30 horas, coa saída do tour ciclista da castaña, cunha ruta BTT de 47 quilómetros. Ás 10.30 horas, abrirán, no recinto feiral, os stands, así como, as exposicións de variedades da castaña, na planta baixa do Multiusos. A música chegará ás 11 horas co pasarrúas a cargo da charanga, para continuar ás 12 horas, coa visita oficial aos stands e exposicións e a actuación da banda de gaitas de Riós. A entrega dos premios do concurso de fotografía será ás 12.30 horas, na planta baixa do Multiusos. “As fotografías estarán relacionadas coas paisaxes de Riós e quedarán para o uso do concello”, afirmou Nuria Sánchez. A degustación de produtos típicos (chourizo, castañas, cogumelos e viño) terá lugar ás 13.00 horas por un prezo de 2 euros. Ás 14.00 horas, será a entrega de premios do Tour ciclista na praza do Toural. Por último, os asistentes poderán degustar menús especiais con produtos da tempada nos restaurantes da localidade.