Unha enquisa realizada polo Concello de Celanova a través da Aula CEMIT e difundida polas redes sociais (Facebook e Twitter), manifesta o interese do 98,9% dos veciños deste municipio na posible posta en marcha dunha aplicación móbil que baixo o título de “Celanova Viva” tratará de unificar a información administrativa, cultural, deportiva e social do Concello de Celanova para achegala a eles dun xeito máis cómodo e unificado.
A Aula CeMIT de Celanova foi a encargada de levar a cabo a prospección de opinión sobre esta proposta, no marco do proxecto CeMIT-Innova, unha iniciativa da Amtega para o fomento da Innovación Social Digital en Galicia, e da que a aula CeMIT de Celanova forma parte como proxecto piloto.
“Celanova Viva” pretende unificar toda a información que xera de forma cotiá a administración local e achegala dun xeito sinxelo a todos aqueles usuarios, residentes ou non no municipio, e que conten cun teléfono con acceso á internet e con posibilidades de descargar aplicacións.
A falta de información por parte dos veciños sobre a realidade diaria das actividades xeradas no Concello fan a miúdo que estas non conten cun número mínimo de asistentes, polo que se espera que coa creación futura desta aplicación e coa unión da tecnoloxía e da innovación se poida dinamizar a actividade social, cultural e económica do Concello.
Coñecido o interese veciñal pola posible posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Celanova, en colaboración coa empresa de tecnoloxías da información “Evelb”, tratará de xestionar a axuda necesaria por parte da Xunta de Galicia para poder poñela en marcha durante o ano 2017.
Innovación
Unha das novidades coas que conta esta App é a interacción entre comerciantes e clientes, facilitando a visualización dos productos e permitindo que compradores e vendedores interactúen en tempo real. No sector da hostelería, outro sector a ter en conta, poderanse publicar as propostas gastronómicas de forma gratuíta, manexando os presos e promocións, axustándose ños gustos e en función da oferta e demanda que poida haber. Isto fomenta o turismo gastronómico, o comercio a distancia e pode promover a venda de productos de Celanova a nivel Autonómico.