Os ourensáns perderon 79 a 67 contra os herculinos.

Coruña rompe a racha do COB

Toda racha ten o seu principio e o seu fin, por moi grande ou moi pequena que sexa. O Club Ourense Baloncesto comezou a competición cunha racha, pequena, de dous partidos perdendo, para logo encadenar tres vitorias consecutivas.

Esta racha positiva non foi máis aló por que topouse con Leyma Coruña, un equipo que está demostrando as súas credenciais neste arranque de curso.

Depois de vencer a Castelló e, sobre todo, a Retabet Guipuzkoa e Melilla, todo o mundo estaba á expectativa de se os homes de Gonzalo García de Vitoria eran capaces de lograr a cuarta vitoria consecutiva, terceira contra un dos favoritos. Pero Coruña está a ser moito Coruña nas primeira xornadas (catro vitorias e unha derrota -esta pola mínima-) e foi superior nun partido que tivo emoción, no primeiro cuarto; os locais puideron rompelo, no terceiro e cuarto; e os visitantes a piques estiveron de dar badalada, en algún intre do último.

O partido comezou cun ritmo frenético, con intercambio de puntos en ámbalas dúas canastras. O COB estivo a piques de rematar os primeiros dez minutos cunha vantaxe atractiva, pero os homes de Tito Díaz o impediron.

No segundo e terceiro cuarto os ourensáns estiveron despistados e nese tempo os coruñeses sacaron a renta que lles serviu, ao final, para levarse o encontro. Neste tempo pouco faltou para que os locais lograran rompelo partido.

E chegaron os últimos 10 minutos. Con máis vontade que xogo, o Ourense achegouse no marcador, pero non foi suficiente para que estiveran con opcións de levarse o encontro.
Rota a racha positiva toca que a negativa dure o menos posible. O Club Ourense Baloncesto suma tres vitorias e tres derrotas.

Marín
E sen tempo para máis o Paco Paz acollerá o seu primeiro derbi galego da tempada e o segundo do conxunto cobista. Enfronte estará un Marín Peixegalego que parecía que ía a ser unha das cenicientas pero que está a demostrar que hai que telo moi en conta. Os de Marín contan nestas seis primeira xornadas con dúas vitorias e catro derrotas.

O encontro entre ourensáns e pontevedreses disputarase o sábado 5 de novembro ás 19 horas no Paco Paz.

Liga
A LEB Ouro está moi apretada neste primeiro tramo. Tres equipos ocupan o liderato coas mesmas vitorias e derrotas (cinco e unha, respecivamente). O primeiro deles é Lleida, seguido de Retabet e en terceiro lugar o Leyma Coruña. O COB xa xogou contra dous deles logrando a única vitoria diante dos vascos.