Dos equipos masculino e feminino sénior.

Vitorias do Nova Xestión Pabellón

Fin de semana redonda dos dous conxunto sénior do Nova Xestión Pabellón. Tanto o equipo masculino coma o feminino acadaron a vitoria.

O conxunto masculino de Primeira autonómica recibiu ao Culleredo ao que venceu por 24 a 20. Os coruñeses chegaban a Ourense  con dúas vitorias noutros tantos encontros, polo que o partido ía a ser complicado para os ourensáns. Durante o primeiro período demostraron o porqué da súa imbatibilidade. Superiores na intensidade aos xogadores do Nova Xestión fixo que manexaran certas rendas no electrónico.

Ao descanso, os de Diego Lorenzo conseguiron que o marcador se apretara e, así, poder loitar polo triunfo no segundo tempo.
A crenza neles mesmo fixo que os pavillonistas completaran un segundo tempo para enmarcar, realizando unha das intervencións máis completas que se lle recorda nos últimos tempos.

A zona central defensiva foi controlada por Brais e Borja; Rubén estivo brillante baixo paos; e en ataque todos contribuiron para levarse a vitoria.

Triunfo ante un rival complicado que leva aos ourensáns ao terceiro posto da táboa clasificatoria, demostrando que o equipo está a coller o tono. Esta xornada visitan ao Tui, penúltimo clasificado que aínd non sabe o que é puntuar este ano.

Feminino
O conxunto feminino de Segunda autonómica tamén selou unha vitoria un tanto sorpresiva. Agardábase do SAR, filial do equipo punteiro de Primeira división, unha dificultade maior.

Todo o contrario, as rapazas do Nova Xestión foron quen de dominalas de principio a fin. Un traballo perfecto, mestura de mobilidade na circulación do balón e un gran sacrificio defensivo, de apoios e certa agresividade para neutralizar o xogo das redondelanas.

Ademais co ingredente dunha inconmesurable Ana Pérez (15 goles) e de Raquel, impenetrable no centro da defensa.

As ourensás son terceiras con oito puntos. Esta fin de semana visitan ao Encaixes Camariñas Conservas Boya, no que pode ser unha boa oportunidade de seguir sumando.