Como remate da súa campaña Guía Ninja do Ilustrador despregada neste 2016, a AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) organiza un ciclo de charlas nos tres centros de ensino galegos que imparten estudos especializados en Ilustración. A segunda destas charlas “ninja” –dirixidas non só a futuros ilustradores, senón tamén a deseñadores, fotógrafos e outros profesionais creativos– terá lugar este venres 4 de novembro na EASD Antonio Faílde, onde os ilustradores Fran Bueno e Guitián repasarán de xeito áxil e moi visual os contidos e recomendacións da Guía Ninja do Ilustrador. Ademais, compartirán experiencias e anécdotas profesionais acumuladas ao longo da súa traxectoria como creadores freelance.
Segundo os impulsores do proxecto, a Guía Ninja “recolle información útil para facer fronte aos retos e perigos que rodean hoxe os ilustradores freelance”; e subliñan que, no actual escenario de mercado, “os creativos freelance precisan adestramento e habilidades ninja”. O Decálogo Ninja aborda os aspectos menos glamurosos (pero non por iso menos cruciais) das profesións creativas: a protección dos dereitos dos creadores, a negociación cos clientes ou como actuar en caso de plaxios ou faltas de pagamento. O último capítulo do decálogo destaca a necesidade de compartir información e esforzos para mellorar as condicións laborais e o recoñecemento de toda a profesión, e o importante papel das asociacións para acadar estes obxectivos.
Outro aspecto destacable da Guía Ninja é –ademais dos contidos– a forma en que se presenta a información. Guitián apunta: “interésanos especialmente chegar aos estudantes e os profesionais noveis; por iso, o formato da Guía Ninja é moi directo e moi visual: ilustracións, infografías, moitos enlaces… e algunhas pinceladas de humor”. Ademais, a Guía Ninja pode consultarse ou descargarse desde calquera dispositivo.
Na AGPI están contentos coa boa acollida da guía entre os sectores creativos, e non só o dos ilustradores. “En agosto colgamos a guía en galego e castelán na nosa web, e os PDF xa pasan das 11.000 descargas”. O proxecto espertou o interese doutras asociacións de ilustradores do estado e de Europa e non se descarta a súa tradución a outras linguas. A versión en papel (de momento editada só en galego) pódese mercar por 1 € nas principais cidades galegas. A lista de puntos de venda pódese consultar en www.guianinjadoilustrador.org.
O proxecto Guía Ninja do Ilustrador conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.