A Deputación de Ourense vén de aprobar un orzamento de máis de medio millón de euros (519.620 euros) para levar a cabo as obras de mellora do abastecemento de auga ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas e á zona das Curuxeiras.
Así o explicou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen detallou que se trata “dunha obra moi importante e necesaria, principalmente para os veciños das Curuxeiras que sofren as consecuencias das roturas que se producen nesta tubaxe, polo que, o Goberno provincial, trala petición da asociación de veciños da zona, decidiu levar a cabo estas actuacións, que permitirán mellorar ademais o abastecemento á principal contorna industrial da provincia e tamén aos municipios de San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Toén e algún núcleo do Concello de Ourense”, sendo a Deputación de Ourense a titular do servizo supramunicipal de abastecemento en alta para estas zonas.
Para este sistema de abastecemento a infraestrutura componse dunha estación de bombeo situada no Campo dos Remedios, unida á estación potabilizadora de auga no Alto do Cumial. Neste último lugar atópanse tres depósitos, un de auga bruta e dous de auga tratada, precisando un destes últimos depósitos a realización de obras de reparación da cuberta.
Ademais desta obra, entre a estación de bombeo (nos Remedios) e a estación potabilizadora (Alto do Cumial) discorre unha tubaxe de 500-600 milímetros de diámetro, que ao seu paso pola travesía das Curuxeiras sufriu varias roturas que ocasionaron importantes danos neste núcleo. Por iso, a Deputación de Ourense, aproveitando as obras que se levarán a cabo no depósito de auga tratada, inclúe a substitución da tubaxe nese tramo para evitar máis danos no abastecemento para os veciños da zona.