O Plan de Investimentos presentado polas asociacións veciñais foi aprobado en Xunta de Goberno extraordinaria este xoves. O Goberno municipal presentará ao pleno deste venres pola vía de urxencia, esta proposta de modificación de créditos que dote 12,8 millóns de euros para executar as 76 obras previstas nesta plan de investimentos nos barrios da cidade.
Tal e como avanzara hai días, o grupo de goberno apoiará a totalidade do Plan de investimentos presentado polas asociacións veciñais para desenvolver na cidade. Con esta finalidade presenta a aprobación por parte do Pleno do Concello un expediente de modificación dos orzamentros municipais que permita acometer todas e cada unha das actuacións que demandan as asociacións veciñais. O Goberno Municipal recolle deste xeito o guante lanzado polo Grupo Municipal Socialista, agradecéndolle o seu apoio e que pensara en clave de cidade neste importante asunto para acometer melloras nos barrios.
As concellerías de Infraestruturas e Facenda veñen de realizar o expediente de modificación de créditos, por importe de 12.840.548 euros que lle dará cobertura á execución das 76 obras incluidas no plan de investimentos presentado polos colectivos veciñais Limiar e Miño. Serán, concretamente, 10.772.840, 68 euros en intervencións de infraestruturas viarias urbanas, 1.171.598,34 euros para parques e xardíns, 124.396 euros en ampliación e mellora do alumeado público, e 771.713,60 euros en abastecemento e saneamento.
Estes investimentos serán financiados con remanente de tesourería para gastos xerais, se así o informan favorablemente os técnicos municipais, polo que non levarán consigo ningunha merma doutras partidas dos orzamentos municipais. Asimesmo, está previsto que os técnicos de Infraestruturas redacten durante o que que queda deste ano ao redor de 25 proxectos. Nos primeiros meses de 2017 redactaranse os restantes.