A Facultade de Dereito do campus de Ourense da Universidade de Vigo acollerá o próximo 25 de novembro a I Feira de Emprego Xurídico de Galicia e Norte de Portugal, coorganizada polo propio centro e o Concello de Ourense.
Orienta Iuris concíbese como un punto de encontro no que entidades, estudantes, titulados e profesionais do ámbito xurídico poidan interrelacionarse co obxectivo de fomentar a empregabilidade e a realización de prácticas pre-profesionais. Na feira, única do seu ámbito territorial especializada en emprego no ámbito xurídico, os estudantes coñecerán as diferentes saídas profesionais, os programas de formación que ofrecen as entidades colaboradoras así como as actuais esixencias dun mercado laboral especializado. Así, poderán deseñar estratexias para a procura activa de emprego e definir o perfil que resulte máis adecuado ás demandas reais do mercado laboral. Ademais de micro-charlas e debates, este foro contará con expositores nos que se poderán iniciar procesos de selección para prácticas e emprego.
A iniciativa foi presentada este xoves pola decana de Dereito, Marta Fernández, quen animou aos alumnos para complementar a súa formación universitaria coa finalidade de adquirir as habilidades e competencias que demanda o mercado. “As universidades debemos ser sensibles ao cambio de enfoque nos procesos de selección de persoal polas empresas e despachos, que esixen unha sólida formación xurídica pero valoran tamén outras competencias, habilidades e mesmo actitudes dos candidatos e debemos preparar aos nosos estudantes para ese cambio”, destacou nese sentido. Xunto a Marta Fernández, participou una presentación o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, quen celebrou a iniciativa por tratarse dun evento “pioneiro” no ámbito xurídico de Galicia e Norte de Portugal. Tamén salientou a “xenerosidade” coa que nace, posto que a feira ten “vocación de abrirse a persoas máis alá da propia Facultade de Dereito de Ourense”.
Pola súa parte, o concelleiro de Promoción Económica, Industria e Emprego, Jorge Pumar, manifestou a vontade de colaboración do Concello coa institución académica para estas e “futuras iniciativas”, ao tempo que trasladou o seu desexo de que a primeira edición de Orienta Iuris sexa “un éxito”.
Xornada previa o día 4
Con vistas a preparar aos estudantes para o evento do 25 de novembro, o venres 4 desenvolverase unha xornada previa para o alumnado da facultade, centrada en orientación laboral e que incluirá diversas actividades participativas. Cales son as saídas profesionais no ámbito xurídico, como elaborar un currículo atractivo e de que forma se desenvolven os procesos de selección son algunhas das cuestións a abordar nas diferentes sesións. Entre outras propostas, os alumnos recibirán pautas sobre a elaboración de vídeo currículo e desenvolverán prácticas reais de entrevistas de traballo para coñecer que buscan os empregadores e como comunicalo con éxito.
Actividades do día 25
En canto ás actividades de Orienta Iuris o día 25, están concibidas fundamentalmente para xerar un espazo de comunicación real entre os alumnos e titulados do ámbito xurídico de Galicia e Norte de Portugal e profesionais de despachos de avogados, consultoras e entidades e institucións públicas. Así, haberá unha zona de expositores onde as entidades colaboradoras poderán presentar os seus programas de formación e carreira, iniciar os seus procesos de selección e onde se desenvolverán sesións de networking. Pola súa banda, os alumnos e titulados do ámbito xurídico poderán achegarse a estes espazos para coñecer a oferta existente, presentar os seus currículos e manter entrevistas de traballo. Paralelamente, celebraranse mesas redondas e debates abertos a alumnos, titulados e profesionais do Dereito. Nestes encontros abordaranse diversas experiencias vividas por profesionais do sector e temas de actualidade no ámbito xurídico.
Orienta Iuris xa conta con 150 inscritos, unhas cifras que, para a decana, son a “mellor recompensa” ao esforzo realizado para poñer en marcha unha iniciativa que o centro organiza “por e para o alumnado”.