O cineasta Oliver Laxe recolleu de mans do alcalde, Jesús Vázquez, o Premio Cidade de Ourense do 21OUFF nun acto celebrado no Liceo. Con este galardón o Festival de Cine Internacional de Ourense recoñece o seu labor de creación e de difusión do cinema galego fóra das nosas fronteiras.
Jesús Vázquez destacou de Laxe que, sendo “galego da diáspora como tantos outros, quixo facer universal a terra dos seus pais a través do seu cine”. Ademais, tamén fixo fincapé na “súa ollada atrevida, comprometida e vangardista, que pón o foco sobre o lado máis espiritual da vida, tratando cunha delicadeza fantástica os elementos e pequenas cousas que habitualmente quedan fóra de plano, e reconvertendo así as novas formas de narrar, mantendo un pé na tradición”.
O galardoado manifestou sentirse moi emocionado por este premio e agradeceu a Jesús Vázquez as súas “profundas palabras” manifestando que este Premio Cidade de Ourense “é unha honra pero tamén unha responsabilidade que se suma ao meu amor e dedicación á profesión”. De Ourense quixo destacar que é “unha cidade de profundo fertilinaxe, de personalidades, poetas, intelectuais e escritores, moi inspirada e de natureza alquímica.”