O Concello de Verín comezou a primeira fase do plan de reforma dos principais cruces que atravesan o casco urbano da vila executando a reforma do cruzamento que une a rúa Deputación e a avenida de Luís espada (N-525). O obxectivo das obras, propostas polo goberno municipal da vila, é superar o deseño antigo de cando non existía a A-52, e as vías nacionais canalizaban un intenso tráfico pola cidade. Trátase de abrir estas arterias aos peóns, aumentando o seu nivel de permeabilidade.
A iniciativa, que partiu dunha proposta programática do BNG, permitirá unha nova regulación semafórica dos principais cruces da cidade. O plan de reforma executarase en dúas fases. A primeira, que finaliza en decembro, acondicionará o cruzamento da avenida de Luís Espada (N-525) coa rúa Deputación, e a intersección da avenida de Portugal (N-532) coa avenida de Luís Espada (N-525); e a segunda, que se executará a principios do próximo ano, que modificará a intersección da estrada de Laza coa rúa Rosalía de Castro. Devandito plan está deseñado para garantir una maior accesibilidade ós peóns, e a supresión dos “importantes rodeos impostos polo deseño actual para cruzar as vías”, segundo destacou o tenente de alcalde, Diego Lourenzo.
Este deseño, destacou tamén o rexedor, Gerardo Seoane, “está pensado e responde a circulación de vehículos motorizados, e deriva da ordenación herdada da época en que non existía a A-52”. Para erradicar estes deseños atávicos, o Goberno municipal propón recoñecer a nova configuración das antigas estradas como actuais rúas de Verín, ampliando as beirarrúas para facilitar o movemento de viandantes, ao tempo que se reduce a lonxitude dos pasos de peóns”, sinalou o alcalde.
Supresión de varandas
O tenente de alcalde, pola súa banda, destaca que a medida que máis modificará a configuración urbano de Verín ser á “a supresión das varandas que actualmente delimitan o espazo peonil, e transmiten unha sensación innecesaria de encerro”.
Os proxectos que se executarán nestes tres cruces foron elaborados tendo en conta modernas simulacións informáticas para garantir que o novo vial permitirá o xiro de camións e vehículos de todo tipo, e remodelarán así mesmo o fluxo semafórico, sempre adaptando os tempos de cruzamento a un criterio máis moderno da vía.