A Unión Deportiva Ourense está acostumándose a vencer con sufrimento. No partido contra o Velle non foi menos, pero sacou tres puntos ante un dos rivais fortes da competición.
A primeira metade estivo marcada pola ausencia dun equipo dominador. Tanto Velle como Ourense tiveron as súas, poucas, ocasións. A máis clara unha do dianteiro do Velle Camba que non acertou a perforar a portaría rival. Cristian para os unionistas tamén tivo unha que enviou ao pao.
Na segunda metade o partido andivo polos mesmos derroteiros que nos primeiros 45 minutos. Sen un claro dominador cada equipo agardaba a súa oportunidade.
Movemento do ataque unionista para buscar solucións ao empate fixeron que entraran no campo Xaco e Adrián. E esta chegou nunha falta que lle fixeron a Rubén Durán, que el mesmo se encargou de materializar. Un toque exquisito ante o que nada puido facer o meta rival. Doutra falta chegaría o segundo. Hugo aproveitou un rexeito para poñer o 0 a 2.
Cando parecía que os últimos minutos ían a ser relaxados chegaba o gol de Camba. O ariete, fiel á súa cita co gol, deulle emoción ao tramo final de partido.
Cos unionistas embotellados -Dacosta replegou liñas metendo a Currás no centro da defensa e adiantando a Julio á medular– os homes de Rivo tiveron varias ocasións para igualar o partido. Porén o resultado non se movería e os tres puntos esmoecéronse do campo da Aira.
Con esta vitoria a UD Ourense mantense colíder co Bande, con 30 puntos , na Primeira Galicia. O Velle xa está a 10 puntos, quintos, das dúas primeiras prazas. O único equipo que se manten a unha distancia non moi lonxana é o Maside con 24 puntos, terceiro; o Allariz é cuarto con 22.