Mil quilos de castañas, 2.000 racións de pan con chourizo -tamén para celíacos-, 1.000 botellas de auga, viño novo e música. Son os ingredientes do magosto popular que organiza o Concello de Ourense para este venres na Alameda desde as 17:00 horas. “Unha das celebracións, xunto ao Entroido, que máis nos singularizan como pobo, e que nos chama a reunirnos con amigos e familiares para degustar os produtos típicos de tempada”, resumía o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “pero por enriba de todo, para desfrutar da amizade, da convivencia, do pracer de pasar o noso tempo libre coas persoas ás que máis queremos”, dixo.
O Magosto quere combinar o lecer de todas as idades, dixo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, durante a súa presentación. O programa comezará ás 17:00 horas co acendido da fogueira, e ás 17:30 horas comezaranse a vender as entradas ao prezo de 1 euros. Os máis pequenos terán o seu espazo cos obradoiros infantís, que comezarán a esa mesma hora.
A música correrá da man das Daniñas de A Ponte, que irán animando o público desde as rúas do casco vello e do centro da cidade até a hora do reparto da comida, ás 18:00 horas. Xa en plena Alameda, o grupo De pé feito amenizará a sesión con música tradicional desde o templete.
Participación responsable
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, animou os veciños a participar dos magostos dunha forma responsable, tal e como anunciou nun bando. Así, lembrou a necesidade de comunicar a celebración dos Magostos nas Concellerías de Medio Ambiente e de Participación Cidadá “para que o Concello teña coñecemento no caso de emerxencias”, así como apuntar os teléfonos de Bombeiros (080), Policía Local (092) e Emerxencias (112).
Do mesmo xeito, as fogueiras e grellas situaranse suficientemente lonxe de árbores, vehículos e mobiliario urbano para evitar danos. Nunca baixo tendidos eléctricos ou telefónicos nin preto de zonas ou materiais inflamables.
Tamén serán de aplicación as ordenanzas municipais, normativas de ruído, etc. e nomeadamente a Lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores. A Policía Local será a encargada de velar polo cumprimento destas normas ao mesmo tempo que se solicita a máxima colaboración cidadá.