Por16 votos a favor – do Partido Popular e do Partido Socialista – e 11 abstencións – de Democracia Ourensana e Ourense en Común- este martes quedou aprobada, nun pleno extraordinario, a modificación de créditos de 12,8 millóns de euros coa que se financiará o Plan de Investimentos presentado hai un par de semanas polas asociacións de veciños. O plan inclúe 76 obras de mellora de infraestruturas viarias e zonas verdes, principalmente, que partiron da petición das dúas federacións veciñais da cidade (Limiar e Miño) e de seis asociacións veciñais non federadas. O plan plantexa dúas fases para realizar estas obras, entre este ano e 2017.
Desde o Goberno municipal, a concelleira Ana Fernández Morenza, explicou que a realización destas obras foi petición das asociación de veciños e que unha vez estudadas polos técnicos, “se ha llegado a la conclusión de que dicho plan es viable”. O voceiro socialista José Ángel Vázquez Barquero xustificou o voto a favor do seu grupo en que “cumpre os requisitos que nós plantexáramos en agosto”, e recordou que, de non aprobarse xa a modificación de créditos, esta “xa non se podería aprobar ata o verán do ano que vén”.
En cambio, desde Ourense en Común, que se abstivo na votación, cuestionaron a escolla das obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesouraría. “Hai moitas asociación que teñen solicitado obras que non se inclúen este plan”, apuntaba Miguel Doval, engadindo que non ve prioridades nin orde na realización deste proxectos. “Se piden pavimentacións de rúas e non se aclara a titularidade dos viais”, afirmou, poñendo o exemplo de dúas actuacións previstas en Santa Cruz de Arrabaldo na N-120 e nun parque baixo a A-52.
E finalmente desde Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome criticou que non se fixera unha “convocatoria pública” para que as asociacións presentaran as súas propostas, senón que se favoreceu “el caciquismo de pedir, los pedigüeños, no el interés público”. E como non aceptan “votaciones en lote”, xa que con algunhas das obras están de acordo pero outras lles parecen “un despilfarro”, nin tampouco “el chantaje emocional de si no votas a favor estás en contra”, decidiron optar pola abstención.
Jácome concluiu a súa intervención volvendo pedir ao alcalde que “dimita mañana” pois “si el modelo de ciudad lo deciden las asociaciones de vecinos y los técnicos, usted aquí sobra”.