Celebrarase os días 19 e 20 de novembro na praza Maior.

Segunda Feira de Outono en Verín

Verín celebra o 19 e 20 de novembro a segunda edición da Feira de Outono, centrada nos productos de tempada e ecolóxicos, e que este ano contará coa novidade de catas de mel para o público asistente, sen límite de grupos. Ademais, setas, concurso de cociña con castañas, saídas micolóxicas e productos ecolóxicos estarán ó dispor de todos os visitantes á praza Maior.

O alcalde, Gerardo Seoane, o tenente alcalde, Diego Lourenzo, e a concelleira de Turismo e Comercio, Purificación Caldelas, presentaron o programa de actividades desta II Feira de Outono, que segundo o rexedor “ven de resultas do éxito da primeira, pero con importantes novidades. A xente quere productos naturais e de tempada, e no outono temos en Verín la crème de la crème”.

A principal novidade desta edición, segundo explicou Purificación Caldelas, consiste nas catas dos distintos tipos de mel que se desenvolverá no recinto da feira na praza Maior dende as 16:30 do sábado, por grupos e sen límite de asistentes. Nelas, amosaranse as diferenzas entre os distintos tipos de mel, as súas características de elaboración e procedencia, así coma os matices de sabor que os caracterizan.

Tamén o sábado, ás once da mañá, haberá saídas ao campo con micólogos, e educación vial para rapaces ás 12.00. Durante todo o evento haberá actuacións musicais de gaiteiros da Banda de Gaitas de Verín, do grupo Os Trouleiros e da agrupación musical Candaira.

O mercado de productos de outono, aberto os dous días mañá e tarde, contará con 24 postos de elaboracións ecolóxicas, entre os que destacan os embutidos, mel, xabóns, artesanía, castaña, cervexa artesa, conservas ecolóxicas, queixos, bisturería e productos infantís.

O domingo tamén haberá actividades infantís, cun taller de cociña para nenas e nenos pola mañá, e xogos tradicionais pola tarde.

A concelleira Purificación Caldelas precisou que o concurso de cociña -aberto a todas as idades- require a inscrición previa no Concello, sen custe algún, para poder participar. Será imprescindible que o prato conteña o froito por excelencia da tempada, a castaña.

Magosto

Pola tarde, ás 20:00 terá lugar o magosto popular no recinto, coa animación do grupo Candaira. Os asistentes que teñan realizado compras xa terán recibido o ticket canxeable polas castañas, mentres que os que non o teñan terán que pagar 0,50 euros.

As actividades continuarán o domingo con xogos tradicionais, a exposición do concurso “cociña con castañas”, actuacións musicais e concursos, rematando coa entrega de premios do concurso de cociña con castañas.