Membros da Plataforma ProCAPD de Ourense, constituída por pais e nais de nenos con diversidade funcional da provincia, así como representantes sindicais e partidos políticos, manifestáronse este luns diante da Delegación da Xunta en Ourense para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de construción dun centro de atención a persoas con diversidade funcional (CAPD) en Mariñamansa, que lles foi presentado pola Consellería de Política Social. Entenden que non reúne as condicións para ser unha residencia de xestión pública nas condicións que tiñan solicitado ao conselleiro José Manuel Rey Varela.
Desde a Plataforma consideran que “ou ben atopámonos ante un erro técnico, ou ben a Plataforma foi manipulada politicamente polo conselleiro, ofrecéndonos un centro distinto ao que se comprometera”.
Como explicaba unha das proxenitoras, Elena Domínguez, “a nós non nos casaba o proxecto con un CAPD; na primeira entrevista cos técnicos non nos fixamos no nome do proxecto pero na segunda vimos que era dun centro ocupacional, para nada o que nós pedíramos”. Outro pai, Pedro Rodríguez, engadía que “o problema que nos atopamos é que nós pedimos que fora 100% público e nese proxecto non está contemplado cociña nin lavandería”. “Teñen tres CAPDS na Coruña, en Pontevedra e en Lugo, con mirar o que hai neses tres CAPDS xa saben o que é e como funcionan”, afirmaba.
Eles reclaman que se fagan “as cousas desde principio ben” na vez de que “para dar o gusto e que nos calemos, facer todo na primeira fase e todo unha chapuza”, apuntaba Domínguez. “Nós aí dixemos sempre non temos presa pero o que fagan que o fagan ben. Que fagan unha primeira fase de centro de día cos servizos comúns, e nunha segunda fase que fagan a zona residencial”, reclamaba esta nai.
Desde a Plataforma ProCAPD reclámanlle publicamente ao conselleiro José Manuel Rey Varela “que faga fronte aos compromisos adquridos no seu día, ratificados coa sinatura dun compromiso firme en data 19 de setembro de 2016, de paliar esta carencia que non só discrimina á nosa provincia senón a todos os afectados por esta situación, polo que esperamos que sexa un simple erro de desenvolvemento do proxecto e se adopten as medidas necesarias para a súa subsanación”.