Vén de ser presentado un novo proxecto cultural que impulsa o Concello de Ourense, coa colaboración do Liceo e da Deputación de Ourense. Trátase dun ciclo de ópera e zarzuela coas figuras máis importantes da lírica española. Un certame de altísimo nivel con calidade asegurada. “Establecemos así en Ourense un ciclo que ven a cubrir a escasa presencia de espectáculos líricos e con intérpretesde recoñecido prestixio internacional. Ourense, como a Atenas Galega que é, convértese no escenario ideal para unha expresión artística que non deixará indiferente a ninguén”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez, na presentación do ciclo, que contou tamén coa presencia da concelleira de Cultura, Belén Iglesias; do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e dos intérpretes Juan Durán e Enrique Alberto Martínez.
Deste xeito, o 25 de novembro arrincará o ciclo cun recital no Teatro Principal a cargo do barítono coruñés Javier Franco e do pianista e compositor Juan Durán.
O 9 de decembro, tamén no Teatro Principal, o público poderá escoitar o tenor ourensán Enrique Alberto Martínez e a pianista Beatriz Calvo. Este ourensán recibiu o premio por unanimidade do xurado nos premios á excelencia musical 2015, organizados pola fundación Mans-Paideia, co que realizou a gravación dun disco rexistrando obras inéditas de compositores contemporáneos galegos.
A semana seguinte, o 16 de decembro, e no mesmo escenario do Teatro Principal, tocaralle o turno á mezzo Sandra Fernández e a pianista vocal e instrumental Husan Park.
Por último, o broche de ouro correrá a cargo da galega Lucía Martínez Cuartero e o ourensán Enrique Alberto Martínez Rivero. Será o 22 de decembro no Liceo. De feito, este concerto que pechará o ciclo suporá unha innovadora e sorprendente fusión de jazz e ópera cunha estrela internacional do jazz, a galega Lucía Martínez, que actualmente reside en Berlín; e co tenor ourensán Enrique Alberto Martínez.
“Non me cabe a menor dúbida de que o esixente público ourensán agradecerá esta iniciativa pioneira que contribuirá, ademáis, a dinamizar a cultura da nosa cidade e a abrir novas portas e posibilidades para o público que ama a música en directo, a música de calidade”, recalcou o rexedor ourensán, Jesús Vázquez.
O prezo de cada concerto será de 5 euros e as entradas poderanse comprar en Ataquilla.com, na sede da Fundación Abanca na Praza Maior ou na propia taquilla do Teatro Principal e do Liceo, o mesmo día dos concertos.