O Auditorio Municipal concentra esta semana unha interesante oferta de teatro para todas as idades e danza en catro actos, aos que se lle suma, o venres, a IV Gala contra o Cancro da AECC. A primeira das actividades será o xoves 17 ás 20:30 horas coa escenificación de «Fraude» a cargo de Sudhum Teatro. Será na sala principal a partir de 20:30 horas baixo a dirección de Gustavo del Río e con nomes coma os de Rebeca Vecino, Manuel García, Denis Gómez ou Albert Suárez sobre as táboas.
A obra está baseada na vida e obra do máis famoso falsificador de cadros do século XX, Elmyr de Hory, un xenio da pintura afincado na Eivisa os últimos anos da súa vida. Homosexual e xudeu, foi deportado polos nazis e, rematada a guerra, tratou de facer valer a súa mestría como pintor en Paris. Unha visión desde o teatro paralela á que Orson Wells retratou desde o cine.
Gala contra o cancro
O venres o Auditorio resérvase para a celebración da IV Gala contra o cancro a beneficio da Asociación Española contra o Cancro (AECC). Esta cita solidaria consolídase como unha das máis relevantes da provincia, reunindo a referentes do mundo da música, a danza, o humor e a interpretación. Os mestres de cerimonias serán Rubén Riós e a televisiva Lucía Rodríguez, que darán paso a artistas como Lys Pardo (filla de Juan Pardo), Xabier Vizcaíno, La Dama de Gris, Escola de baile Estilo Libre… As entradas, na billeteira do Auditorio dúas horas antes da función. O prezo das entradas, 5euros en venda anticipada e 8 na billeteira.
Teatro para bebés
Xa na fin de semana, espectáculo para bebés (de 0 a 4 anos) da man de Avoa Youja con «O aloumiño dunha estrela», con pases ás 18:00 e 19:00 horas na sala Apego do Auditorio. Un espectáculo sensorial con monicreques no que tocar as estrelas coa punta dos nosos dedos.
As catro estacións de Vivaldi a través da danza
O mesmo sábado desembarca Centro Coreográfico Galego. Primavera, verán, outono e inverno veranse reflectidos nas distintas variacións dos oito bailaríns sobre o escenario. A peza combinarase con fotografías de paisaxes de Galicia nas distintas estacións.
Teatro infantil
O domingo péchase a semana do Auditorio con «Rubicundo», de Ghazafelhos teatro. Unha divertida proposta recomendada para maiores de 5 anos que narra as aventuras de Rubicundo, que sae na súa bicicleta por enriba das árbores do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara nel agás Erea, disposta a chegar até a fin do misterio