A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de iniciar as obras de rehabilitación superficial do firme da estrada OU-402, nun treito de máis dun quilómetro situado na travesía de Reza, no concello de Ourense, no que investirá máis de 60.000 euros.
A actuación desenvólvese entre os puntos quilométricos 1+090 e 2+150 do vial e ten por obxecto mellorar o estado de conservación do firme. Para iso, actuarase nos puntos deteriorados, fresando o firme actual e estendendo unha nova capa de mestura bituminosa en quente.
Esta actuación é unha das previstas no marco dun contrato adxudicado a Misturas Obras e Proxectos, S.A. por case 400.000 euros co que tamén se mellorará o firme das estradas OU-212 nos Concellos de Beariz e Avión, e da OU-404 nos de Cartelle e Castrelo de Miño.
Actuación en Toén
Nesta mesma estrada, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) está a levar a cabo actualmente unha senda peonil en Freixendo, concello de Toén, entre os puntos quilométricos 6+530 e 7+000. O departamento de Infraestruturas xa executou o desbroce necesario e o muro de contención previsto para a contención da senda, e iniciará a súa pavimentación en canto se repoña a tubaxe municipal afectada.
A obra, na que se inverten mais de 83.000 euros, mellorará a seguridade viaria, en especial para os peóns, ao tempo que facilitará a recollida das augas de drenaxe.
Estas obras forman parte do Plan de Reforzos de firme da Xunta para o ano 2016, que supón unha inversión de case 24 millóns de euros para a mellora de case 700 quilómetros de estradas.